Cómpre un seguimento por parte das Oficinas Agrarias Comarcais, información e axudas económicas para as granxas. Condenamos a inacción da CMR, ausente unha vez máis ante unha nova praga que está a ameazar as producións de alimentos
23 de Outubro do 2023
Cómpre un seguimento por parte das Oficinas Agrarias Comarcais, información e axudas económicas para as granxas. Condenamos a inacción da CMR, ausente unha vez máis ante unha nova praga que está a ameazar as producións de alimentos
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) urxe á Consellaría do Medio Rural (CMR) a actuar de xeito inmediato para proporcionar información e activar medidas para facer fronte á praga de vermes que leva meses afectando a cada vez máis comarcas do noso país, até espallarse polas catro provincias.
Cómpre que persoal técnico da Consellaría informe canto antes ás persoas afectadas para facerlles chegar as pautas máis axeitadas para lidiar con esta praga que está causar importantes danos sobre pradeiras e cultivos.
Estamos a constatar o avance acelerado da mesma, que xa afectou gravemente a concellos costeiros como A Mariña de Lugo, a Costa da Morte, pero xa está a causar importantes perdas noutros concellos do interior como Cesuras, o Deza, Boimorto e distintos puntos da xeografía galega. Son xa tan cuantiosas as perdas que dende o SLG-CCLL instamos á Xunta de Galicia a habilitar xa medidas de apoio ás granxas afectadas.
Asemade é imprescindíbel que dende as Oficinas Comarcais Agrarias se realice un seguimento exhaustivo para elaborar un rexistro de danos, así como que a CMR aclare de que tipo de verme ou especies de verme se trata e identifique cales foron as causas da súa aparición, co obxectivo de realizar unha abordaxe o máis completa posíbel para pór fin a esta praga.
A preocupación é crecente. Xa se están vendo este tipo de vermes nas inmediacións das estradas e das casas. Cónstanos tamén que varios concellos se dirixiron á Consellaría do Medio Rural para que aborde esta problemática dende distintos ángulos a fin de frear a súa expansión. Trátase polo tanto dunha praga que está a crear unha certa alarma social, e fronte á que novamente a Consellaría está a demorar a súa resposta, agravando as súas consecuencias.
Instamos á CMR a habilitar un seguimento técnico desta praga de xeito inmediato, proporcionar información, establecer pautas de actuación e habilitar medidas de apoio para as granxas afectadas.