A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O desleixo dos Ministerios de Interior e Transición Ecolóxica deriva en multas contra as agricultoras/es da Limia

O desleixo dos Ministerios de Interior e Transición Ecolóxica deriva en multas contra as agricultoras/es da Limia

31 de Xullo do 2021

Comarca da Limia

Agricultoras e agricultores da comarca da Limia están a ser obxecto de multas por parte do Seprona por regaren os seus cultivos con auga do pozo. Instamos aos Ministerios de Interior e de Transición Ecolóxica a establecer os acordos precisos para cumprir co compromiso de abastecemento de rego, contraído pola Administración hai xa máis de tres décadas.

Onte, venres 30 de xullo, tivo lugar no local do SLG de Xinzo da Limia unha asemblea urxente con agricultores e agricultoras de distintas zonas da comarca que carecen de regadío e están sendo afectadas por multas por parte do Seprona. Ao longo desta semana o Seprona interveu en distintas parcelas, nalgunhas mesmo acompañado por medios de comunicación, para sinalar publicamente e multar ás agricultoras/es que están regando os seus cultivos ca auga do pozo.

Dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos unha vez máis a gravidade da situación na comarca da Limia, sobre todo nas zonas onde non hai regadío, consecuencia do incumprimento por parte da Administración do compromiso de fornecer este servizo fundamental para a comarca, contraído hai xa máis de tres décadas. Agora, as pequenas e medianas agricultoras/es da zona, que se esforzan por seguir producindo como poden nun territorio no que o regadío é absolutamente imprescindíbel para os cultivos, non só son discriminadas/os con respecto ás labregas/os doutras zonas do Estado españolis áridas e con menos auga -ás que si lles dan solución-, senón que ademais están tendo que facer fronte a multas económicas.

A presión da que están a ser obxecto estas labregas e labregos por parte do Seprona e dos axentes medioambientais responde ao desleixo e incapacidade dos Ministerios de Interior e de Transición Ecolóxica para cumprir cos compromisos políticos e acadar un acordo que poña fin dunha vez por todas a esta situación de indefensión, dado que non foron adoptadas até o dagora as actuacións requiridas para adaptarse ás medidas medioambientais e de transición ecolóxica esixida pola actual normativa medioambiental europea.

O Sindicato Labrego Galego esixe a inmediata actuación do Ministerios de Interior e de Transición Ecolóxica, a fin de chegar a unha solución para estas agricultoras/es que lles permita regar os seus cultivos sen se ter que expor ás multas, e así poder seguir ca sua actividade de produción de alimentos.

 

 

*Arquivo MP3 con declaracións de Sonia Vidal, responsábel comarcal do SLG na Limia

 

 

Ficheiro adxunto