A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. SLG chama as granxas a demandar da industria unha actualización de prezos acorde cos custos de produción

SLG chama as granxas a demandar da industria unha actualización de prezos acorde cos custos de produción

22 de Xullo do 2021

frisona leite

A publicación, na semana pasada, do estudo da cadea de valor do leite está a ter consecuencias prácticas. O Sindicato Labrego Galego recibiu comunicación directa dunha industria leiteira galega, confirmando que xa está a anunciar ás granxas unha suba inminente de 2 céntimos por litro, efectiva a partir do 1 de agosto. Diante deste pequeno movemento por parte da Naturleite, e movementos semellantes doutras industrias de que temos constancia aínda que sen confirmación directa, chamamos ás granxas a tomaren a iniciativa.

Animamos a comunicárense coas industrias con que traballan, para consultar que previsión teñen de implementar subas no prezo que permitan cubrir algo máis os custos de produción, que ademais incrementaron notabelmente no que vai de ano. A Lei da Cadea Alimentaria especifica o deber de seren cubertos os custos de produción, e co recente estudo o ministerio reafirma que eses custos están a ser mais elevados do que o prezo pago por litro.

A Xunta non debe ficar de simple espectadora

Ademais entendemos que a Consellaría debe asumir un papel activo e facer operar a Mesa Sectorial do Leite. Entendemos que este espazo de negociación ten un papel a cumprir, como o ten a Xunta, en trasladar esta cuestión á esfera pública. O goberno autonómico ten a capacidade de asumir un papel mediador que coide de non deixar as granxas, máis grandes ou máis pequenas, vulnerábeis na negociación ante a grande industria -afeita a facer valer as súas posicións e salvar o seu lucro por diante de todo-.

Un pequeno paso que fica a medio camiño

A suba anunciada non chegaría, segundo os dados de que se dispón, a salvar a fenda entre custos de produción e prezo percibido. O estudo do Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio da Agricultura español, cifra o custe medio de produción en 0'3565 euros por litro. O prezo medio recibido polas granxas galegas -o máis baixo do estado- foi de 0,323 euros por litro para a produción do ano 2020.