A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG demanda novas medidas de apoio ao sector de vacún de carne diante da crise da Covid-19

O SLG demanda novas medidas de apoio ao sector de vacún de carne diante da crise da Covid-19

30 de Xullo do 2021

concentra_carne_lalin

O Sindicato Labrego Galego concentrouse na mañá do 30 de xullo diante da Oficina da Xunta en Lalín, solicitando unha reunión coa Consellaría en que tratar as problemáticas do sector e explorar solucións. Asemade, esixen a activación dunha liña de axudas directas das que "ningunha familia gandeira afectada pola crise sexa marxinada", logo de que as últimas axudas convocadas deixasen fora máis da metade das granxas activas no país.

O sector productor de carne de vacún aínda sofre o impacto da crise provocada pola pandemia da Covid-19, denuncia o SLG. Mesmo finalizado o estado de alarma que provocou o peche temporal de vías de comercialización -nomeadamente a Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías)-, a economía do sector non ten recuperado. "Na canle Horeca seguiu habendo unha forte caída na demanda de carne de vacún, á que hai que unir unha caída de prezos artificial forzada por industrias, matadoiros e distribución", recolle o Sindicato Labrego no escrito de reivindicacións diante da Consellaría do Medio Rural. A isto somase o encarecemento durante o que vai de ano da electricidade, os combustíbeis e os concentrados.

 concentración do vacún de carne en Lalín

Axudas directas que cheguen a todas as granxas

O SLG lembra a relevancia do sector, con perto de 20000 granxas en activo e "presenza en zonas desfavorecidas e de montaña onde non existen outras actividades económicas". Esta atividade gandeira, recollese no escrito, "resulta resulta esencial para a vertebración e xestión do noso territorio".

Por iso o SLG esixe axudas directas, "de maneira urxente e a curto prazo, orientadas a paliar as perdas provocadas pola Covid-19 e garantir a continuidade das granxas". Porén, as últimas axudas convocadas pola Consellaría do Medio Rural non chegaron a beneficiar nen á metade das granxas en activo, por un deseño que "deixou de base fóra máis de 10000 explotacións". Un problema que se solucionaría, ao ver do SLG, con axudas directas "por becerro sacrificado que estea vinculada a unha vaca nutriz", ou unha fórmula que compensase directamente por vaca nutriz ou por granxa; e que así "se evite a especulación con empresas ou industrias que non se dedican á profesión labrega".