A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Chamamos ao boicot dos productos lácteos de LACTALIS-PULEVA

Chamamos ao boicot dos productos lácteos de LACTALIS-PULEVA

17 de Novembro do 2021

non merques lactalis

O Sindicato Labrego Galego convoca a todo o sector leiteiro galego a continuar cas mobilizacións. Iniciamos unha CAMPAÑA DE DENUNCIA E BOICOT DAS MARCAS COMERCIAIS DAS INDUSTRIAS QUE MÁIS ESTÁN A PREXUDICAR ÁS GRANXAS GALEGAS: aquelas que se negan a pagar o litro de leite a prezos que cubran os custos de produción.

 


Galiza é a maior produtora de leite do Estado, cun 39,1 % do total de entregas, moi lonxe da súa inmediata seguidora, Castela e León, cun 12,5% (Observatorio da Cadea Alimentaria, 2021). O sector leiteiro é esencial económica e socialmente no noso país, e no Estado. Sen embargo, a política de brazos cruzados da Administración galega -non fai estudos de custos propios, non convoca a mesa do leite con todas as partes, pretende limitar o Observatorio Lácteo Galego a unha única reunión anual, etc.- e estatal -non habilitando medidas e, ademais, negociando unha PAC 2023 discriminatoria para Galiza-, segue a empurrar á quebra ás pequenas e medianas explotacións galegas.

Fronte á situación de absoluto abandono administrativo das nosas granxas, o Sindicato Labrego Galego convoca a todo o sector leiteiro galego a continuar cas mobilizacións. Iniciamos unha CAMPAÑA DE DENUNCIA E BOICOT DAS MARCAS COMERCIAIS DAS INDUSTRIAS QUE MÁIS ESTÁN A PREXUDICAR ÁS GRANXAS GALEGAS: aquelas que se negan a pagar o litro de leite a prezos que cubran os custos de produción.

Este VENRES DÍA 19 ÁS 11:30H , NO GADIS DE QUIROGA BALLESTEROS DA CIDADE DE LUGO, informaremos do comportamento destas empresas a consumidoras e consumidores que se dirixan a facer a súa compra.

Comezaremos ca multinacional francesa LACTALIS-PULEVA, a empresa do sector lácteo que máis factura na UE, cunhas vendas de 1.200 millóns de euros, e que facturou nas dúas fábricas que ten na Galiza (Vilalba e Nadela) 547 millóns de euros no ano 2018. Esta empresa, que recolle máis do 20% do leite producido na Galiza -arredor de 1.500 granxas galegas-, encabeza a lista de industrias que se negan a remunerar ás granxas cun prezo que cubra os custos de produción.

A primeira industria en canto a recollida de leite no noso país mantén unha postura de absoluto desprezo co sector produtor de leite. A última embestida foi propor renovacións de contratos por un ano e cunha suba dun céntimo por litro de leite (actualmente malpagan 29,5cent/l. de prezo base), nun momento no que se estima que os custos de produción poden rondar xa os 40 céntimos por litro, é dicir, dez céntimos máis que o prezo base que figurará en moitos dos contratos que pretenden renovar.

Por se fora pouco, LACTALIS-PULEVA é a industria con maior recollida de leite ecolóxico nas granxas galegas, case en exclusividade. O 64% dos gandeiros e gandeiras aos que lle merca leite en ecolóxico no Estado español son galegas, e toda a leite recollida é envasada nas fábricas de Galiza. Aproveitándose desta situación, esta industria aixou nos últimos tempos tanto o prezo que está ameazando directamente a sustentabilidade económica desas granxas.

Con este modus operandi, a multinacional Lactalis non está a deixar más que pobreza no noso país, erosionando as economías locais que viran arredor de todo o proceso produtivo do leite e mesmo do transporte. Por unha parte, as gandeiras e gandeiros galegos fornécenlle un produto de altísima calidade a un prezo irrisorio. Por outra, non aporta un retorno económico acorde ao enriquecemento que obtén aquí.

Chamamos a boicotear á industria LACTALIS-PULEVA e as súas marcas comerciais, entre as que se atopan GALBANI, PRÉSIDENT, PULEVA, LAUKI, RAM, EL CASTILLO, GRAN CAPITÁN, FLOR DE ESGUEVA, EL VENTERO ou CHUF. Sabemos que as consumidoras e consumidores valoran a calidade do leite galego e teñen vontade de apoiar ao sector na loita pola súa supervivencia, pedimos o seu apoio dirixindo as súas compras cara marcas de industrias galegas ou, cando menos, que traten mellor ás gandeiras e gandeiros.

O prezo do leite no supermercado subiu, e seguirá subindo, pero aos gandeiros e gandeiras non nos trasladan nada desa subida que sufrimos como consumidoras. Empresas como LACTALIS están acaparando o valor engadido do traballo das granxas de leite. Provoca así a destrución do tecido produtivo galego, forzando a ruína de milleiros de granxas galegas, especialmente as máis pequenas, que son as máis beneficiosas en canto a fixación de poboación.

Na Galiza queremos moitas granxas producindo alimentos con persoas que podan vivir dignamente do seu traballo, non seguir concentrando a produción en macrogranxas insostíbeis a nivel humano e medioambiental. Prácticas como as de LACTALIS-PULEVA deberían provocar o rexeitamento de toda a sociedade e conseguir a expulsión da nosa terra desta multinacional que arrasa nosa terra, e así llo trasladaremos ás persoas consumidoras este venres 19 na cidade de Lugo.