A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Alianza entre consumidoras e produtoras para salvar ao sector leiteiro: boicot ás empresas que desprezan o leite galego

Alianza entre consumidoras e produtoras para salvar ao sector leiteiro: boicot ás empresas que desprezan o leite galego

19 de Novembro do 2021

lactalis19nov21

Fronte á situación de absoluto abandono administrativo das nosas granxas, iniciamos hoxe unha CAMPAÑA DE DENUNCIA E BOICOT DAS MARCAS COMERCIAIS DAS INDUSTRIAS QUE SE NEGAN A PAGAR O LITRO DE LEITE A PREZOS QUE CUBRAN OS CUSTOS DE PRODUCIÓN. Estas mobilizacións e a busca do apoio das persoas consumidoras continuarán nas seguintes semanas noutras cidades e vilas galegas.

Comezamos ca multinacional francesa LACTALIS-PULEVA, a empresa do sector lácteo que máis factura na UE cunhas vendas de 1.200 millóns de euros, e que facturou nas dúas fábricas que ten na Galiza (Vilalba e Nadela) 547 millóns de euros no ano 2018. A primeira industria en canto a recollida de leite no noso país -incluído o ecolóxico- ESTÁ PAGANDO O LEITE A PERDAS: 29,5c/l prezo medio base fronte aos 40c/l prezo medio tendo en conta os custos de produción.

Durante a mañá de hoxe estivemos informando no supermercado Gadis de Quiroga Ballesteros (Lugo) sobre as prácticas abusivas desta empresa contra as gandeiras e gandeiros galegos, solicitando o apoio de consumidoras e consumidores, e chamando ao boicot dos produtos LACTALIS-PULEVA, entre os que se atopan GALBANI, PRÉSIDENT, PULEVA, LAUKI, RAM, EL CASTILLO, GRAN CAPITÁN, FLOR DE ESGUEVA, EL VENTERO ou CHUF.

A actual cadea alimentaria é unha soga ao pescozo do sector leiteiro galego. Existe unha perigosa desproporción entre o poder das industrias e superficies comerciais en relación ás persoas que producen o leite. Esta situación inxusta ten como consecuencia que os impactos negativos do proceso produtivo -nomeadamente o aumento de custos- sexan sempre dirixidos contra o elo máis débil da cadea: as pequenas e medianas granxas que dan vida ao medio rural galego.

Esta irregularidade ten que ser afrontada xa. Dende o Sindicato Labrego Galego instamos ao Ministerio de Agricultura e á Xunta de Galicia a engadir urxentemente UN SISTEMA DE CÓMPUTO REAL DOS CUSTES DE PRODUCIÓN -insumos, infraestructuras, salarios...-, HABILITAR UN A MEDIACIÓN PARA A NEGOCIACIÓN do prezo nos contratos, e establecer un proceso de ARBITRAXE a activar no caso de discrepancias. Xunto a estas medidas, é absolutamente imprescindíbel que a Consellaría do Medio Rural convoque a MESA DO LEITE DE XEITO INMEDIATO.

As gandeiras e gandeiros temos dereito, como todas as persoas traballadoras, a percibir un salario digno e ter unha xornada laboral humana -actualmente traballamos tódolos días da semana superando con creces as 8 horas diarias-.

O prezo do leite no supermercado subiu, e seguirá subindo, pero aos gandeiros e gandeiras non nos trasladan nada desa subida que sufrimos como consumidoras. Empresas como LACTALIS están acaparando o valor engadido do traballo das granxas de leite. Provoca así a destrución do tecido produtivo galego, forzando a ruína de milleiros de granxas galegas, especialmente as máis pequenas, que son as máis beneficiosas en canto a fixación de poboación.

Na Galiza queremos moitas granxas producindo alimentos con persoas que podan vivir dignamente do seu traballo, non seguir concentrando a produción en macrogranxas insostíbeis a nivel humano e medioambiental. Sabemos que as consumidoras e consumidores valoran a calidade do leite galego e teñen vontade de apoiar ao sector na loita pola súa supervivencia, pedimos o seu apoio dirixindo as súas compras cara marcas de industrias galegas ou, cando menos, que traten mellor ás gandeiras e gandeiros.