A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Mobilizacións do sector vacún de carne. Asamblea sectorial e concentración diante da Xunta o luns 20 en LUGO

Mobilizacións do sector vacún de carne. Asamblea sectorial e concentración diante da Xunta o luns 20 en LUGO

17 de Decembro do 2021

LUGO20Db

O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas convoca ao vacún de carne galego a unha asemblea sectorial o vindeiro luns 20 de decembro ás 11.30H no Salón de Actos do Edificio Sindical (LUGO) para analizar a situación do sector. Seguidamente terá lugar unha mobilización ás 13.30H diante do edificio da Xunta de Galicia (Lugo).

O sector do vacún de carne é un dos sectores máis importantes do noso rural, contando aínda a día de hoxe con máis de 19.000 granxas, na maioría dos casos familiares, e que contribúen de xeito directo a fixar poboación, coidar o territorio e xerar emprego e riqueza en todo o país. Trátanse ademais maiormente de granxas ben dimensionadas en relación á nosa realidade territorial e económica, nas que se completa na maioría dos casos o ciclo íntegro de cría dos nosos tenreiros en base a pasto, leite das súas nais e forraxes.

Dende fai anos o sector vacún de carne vén padecendo un desleixo continuo por parte das administracións públicas. Esta situación está a afogar as granxas, que sofren un cada vez máis inabarcábel aumento constante de custos de produción.

Este escenario agrávase ao ter abandonado a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura a súa responsabilidade de garantir mecanismos reais que eviten a venda a perdas, así como o establecemento de medidas que aseguren un verdadeiro poder de negociación. Aliás, as administracións recortan as axudas da Política Agraria Común (PAC) percibidas polas gandeiras e gandeiros para darllo ás explotacións intensivas do modelo agroindustrial.

Por se todo isto fóra pouco, unha vez posto o produto no mercado, as persoas consumidoras non contan con información para poder distinguir entre a carne procedente de animais que creceron amoreados e abarrotados de antibióticos e o noso produto, criado nun modelo sostible, con benestar animal e dun xeito tradicional.

Como vén reiterando o sector vacún de carne -na mesma liña que o sector leiteiro e outros sectores produtivos primarios-, de non existir solucións reais a estas problemáticas a curto prazo, moitas de estas granxas veranse obrigadas a pechar.

Dende o Sindicato Labrego Galego convocamos a todo o sector o vindeiro luns 20 de decembro en Lugo para sumar forzas e loitar en todos os ámbitos para conseguir unhas melloras que nos permitan ter un futuro, e que se concretan nas seguintes reivindicacións:

 

  1. Convocatoria inmediata por parte da Xunta de Galicia dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices de cada granxa, que permita compensar as perdas que estamos sufrindo coa subida dos últimos meses nos insumos, no gasoleo agrícola ou na luz…

  2. Crear métodos sinxelos e accesibles para as granxas para o cálculo dos custos de produción, e que estes cálculos se trasladen de xeito inmediato ao prezo que percibimos polo noso produto, garantindo por lei que non se poida mercar por debaixo destes custos de produción. A Lei da Cadea alimentaria que se vén de aprobar non aporta solucións reais para que isto non ocorra, e as gandeiras e gandeiros seguimos sen estar dotados de mecanismos reais que permita a nosa subsistencia.

  3. Creación dos mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo, como poden ser os cebadeiros, e que esta diferenciación sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras. A creación destes mecanismos son necesarios para aumentar o valor engadido do noso produto e que este repercuta nas nosas granxas no prezo que percibimos.

  4. Convocatoria dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia, composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisións e que permita levar a cabo as medidas anteriormente mencionadas.

  5. Protección inmediata do noso modo de vida e produción, lexislando por parte das administracións públicas para unha verdadeira protección da Superficie Agraria Útil permitindo o acceso fácil a terra agraria e protexendo a existente, asumindo a necesidade aumentala ata polo menos un terzo do noso territorio.

  6. Cubrir o 100% dos danos que provoca a fauna silvestre asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da Administración.

  7. Creación dunha normativa hixiénico sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa, e creación dunha rede de matadoiros comarcais para dotar de valor engadido as granxas.