A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Sen índices oficiais de custos e prezos, o RD 374/2022 non servirá para impedir a venda a perdas no sector lácteo

Sen índices oficiais de custos e prezos, o RD 374/2022 non servirá para impedir a venda a perdas no sector lácteo

18 de Maio do 2022

frisonas

O BOE recolle o Real Decreto 374/2022, de 17 de maio, que modifica as condicións de contratación no sector lácteo. Nin a Consellaría do Medio Rural nin o Ministerio de Agricultura proporcionan a información imprescindíbel para calcular o prezo

Outra oportunidade perdida. A publicación hoxe no BOE do Real Decreto 374/2022, de 17 de maio, polo que se modifican, entre outros decretos, o 95/2019 do 1 de marzo, que estableceu as condicións de contratación no sector leiteiro e regulou o recoñecemento das organizaciones de persoas produtoras e das organizacións interprofesionais do sector, non pode menos que ser cualificada de decepcionante.

A presunta vontade das administracións de dar pasos cara unha regulación elemental no sector leiteiro, como é garantir a venda do produto a un prezo que cubra custos de produción e remunere o traballo, esfarela de novo ao carecer de medidas que realmente liguen este obxectivo cas ferramentas que existen na realidade.

Para que exista un cambio real no sector leiteiro precísase de leis que establezan de xeito específico mecanismos para contar con índices oficiais, proporcionando un sistema de cómputo real dos custos da produción. Como vimos reiterando dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, é imprescindíbel que estes índices sexan elaborados en función das rexións e, no caso da Galiza, sexan realizados pola Xunta de Galicia.

Logo de tantos anos de denunciar como principais motivos da desaparición das granxas de leite as prácticas abusivas de empresas e grande distribución, canda a alza dos custos de produción, as administracións seguen sen fornecer o básico: ferramentas de control, referencias oficiais concretas sobre os prezos e a marxe que necesitan as granxas para manter a actividade, así como mecanismos áxiles para facelo cumprir.

De nada serven cambios como as modificacións nos contratos de longa duración, igualmente o prezo de compra á gandeira ou gandeiro seguirá sendo o que a industria de turno queira. Tampouco medidas novas como constituír OLPs con menos membros vai conseguir que as industrias se vexan obrigadas a negociar con elas, de feito as propias administracións recoñecen que as que hai feitas dende o 2012 non resultaron eficaces -pero tampouco poñen enriba ferramentas para que as máis pequenas podan realmente negociar mellor-.

As gandeiras e gandeiros da Galiza, que producimos a meirande parte do leite a nivel estatal, somos novamente as principais afectadas pola deixadez de responsabilidades da Consellaría do Medio Rural na Galiza e do Ministerio de Agricultura a nivel estatal, que seguen eludindo abordar este problema con medidas reais e de fondo.