A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As granxas denuncian que Leite CELTA bloquea a posibilidade de concretar subas no prezo do leite ecolóxico

As granxas denuncian que Leite CELTA bloquea a posibilidade de concretar subas no prezo do leite ecolóxico

20 de Maio do 2022

leiteco

A segunda empresa que máis leite ecolóxico recolle na Galiza manten estancados á baixa os prezos de compra ás granxas. O sector, maioritario na produción ecolóxica en todo o Estado, baralla accións contra Leite CELTA e a grande distribución

Fai xa practicamente un mes, na xuntanza convocada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) en Teixeiro a finais de abril, as granxas de leite en ecolóxico presentes -un quinto da produción de toda Galiza- destacaron especificamente a problemática de estancamento en prezos baixos por parte de Leite CELTA.

A día de hoxe, malia a persistir a alza de prezos nos custos de produción e o significativo incremento de prezos finais ás persoas consumidoras, Leite CELTA persiste nesta actitude rexeitando concretar unha posible aplicación de subas nos contratos do mes de maio.

Polo tanto, despois de case un mes, a situación con Leite Celta segue igual ca antes. Seguimos sen novidades concretas sobre a posible e necesaria suba do prezo do leite ecolóxico que recolle, leite que actualmente está por baixo dos 0.45cts/l. para case todas as granxas -somentes superan esta cifra as que mantiñan contratos quinquenais dende antes das fortes baixadas de prezo do leite ecolóxico-. Isto sitúa ás granxas de leite ecolóxico que subministran a Leite Celta a niveis moi próximos aos prezos máximos do leite convencional, que si foron subindo.

Nesta mesma semana o Sindicato Labrego Galego contactou directamente con Leite Celta para abordar esta situación, pero a industria láctea rexeitou concretar en ningún momento cando se producirá a actualización de prezos -no caso de que a haxa-, nin cando se formalizaría esta suba por escrito.

As 113 explotacións leiteiras que integran o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza (CRAEGA) producen máis da metade do leite ecolóxico a nivel estatal. A falta de honestidade e transparencia ca que está a actuar Leite CELTA -a segunda empresa en volume de recollida de leite ecolóxico no noso país, e principal fornecedora de leite ecolóxico para a marca de distribución de supermercados Lidl-, engadida á desproporcionada suba de custos de produción desta primeira metade de ano e ao desleixo na promoción do consumo do leite ecolóxico por parte das institucións, están a abocar ao sector a barallar medidas de sensibilización e visibilización pública destas dificultades, estudando posíbeis accións para reivindicar a Leite Celta, e ao conxunto de industrias, un prezo mínimo de partida para o leite ecolóxico de 55 cts/l máis primas.