A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. GRANXAS DE ABADÍN AFECTADAS POLO MAL FUNCIONAMENTO DA CAMPAÑA DE SANEAMENTO ORGANÍZANSE PARA DEMANDAR MEDIDAS URXENTES Á CONSELLARÍA DO MEDIO RURAL

GRANXAS DE ABADÍN AFECTADAS POLO MAL FUNCIONAMENTO DA CAMPAÑA DE SANEAMENTO ORGANÍZANSE PARA DEMANDAR MEDIDAS URXENTES Á CONSELLARÍA DO MEDIO RURAL

29 de Outubro do 2022

saneamento

Realizarán unha segunda xuntanza o vindeiro 2 de novembro para articularse e demandar medidas para paliar os prexuízos. Chaman a atención sobre o feito de que algunhas parroquias pasaron súbitamente dun 0% de positividade a un 80%

A pasada semana gandeiras e gandeiros afectados polas eivas actuais da campaña de saneamento animal da Xunta de Galicia, cuxa calidade foi diminuíndo nos últimos anos, reuníronse en Abadín para comezar a articularse e esixir responsabilidades ao Servizo de Gandaría (Sanidade Animal) da Consellaría do Medio Rural.

Representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participaron nesta xuntanza, e estaremos prestando apoio ás persoas afectadas para denunciar as problemáticas que están a ocasionar as demoras e falta de claridade na información sobre o control sanitario do gando.

As persoas titulares das granxas somos as primeiras interesadas en que se detecten os animais enfermos nas explotacións, pero consideramos que hai que abordar cambios importantes na organización da campaña de saneamento, que lonxe de ir mellorando, cos anos leva sufrindo un importante deterioro, presumíbelmente froito da privatización do servizo e da redución por parte da empresa adxudicataria do persoal que executa este programa de saneamento gandeiro.

Así, existe un patente malestar no sector por como se desarrollou a campaña de saneamento gandeiro no concello de Abadín no ano 2022, que está a causar significativos prexuízos económicos, polo que as granxas afectadas solicitarán medidas a curto e longo prazo para mellorar o servizo de saneamento gandeiro e mitigar os impactos negativos que neste momento están a sufrir. Para avanzar nesta liña está convocada unha nova xuntanza para o vindeiro 2 de novembro no Local do Darío en Gontán (Abadín, Lugo)

O saneamento nesta zona comezou tarde, mal e desorganizado. Nalgunhas parroquias do Concello de Abadín empezou o 25 de agosto e rematou o 20 de Outubro, e tardaron máis dun mes en comenzar a notificar algúns resultados. Esta excesiva duración pola falta de organización dos equipos por parte da empresa adxudicataria do servizo trae consecuencias moi graves como as que estamos a sufrir xa.

Na actualidade diagnostícándose animais en seguimento sen haber unha reacción clara, só baseándose na variación de medida de calibre non existindo un criterio claro para a marcaxe dos animais, dándose casos que con igual medida unhas reses marcábanse para o sacrificio e outras quedaban en seguimento.

Nalgunha parroquia hai explotacións inmobilizadas dende fai dous meses e sen ningunha información cuns tempos excesivos de espera sen saber que animais reaccionaron as probas e cos xatos no monte sen podelos sacar para un cebadeiro ou para cebalos na casa. Co inverno á porta isto vai significar un importante gasto para as explotacións que non van poder repercutir xa que os animais non van engordar e as nais vanse deteriorar ó non sacarlles os xatos no seu tempo.

Ademais, o pasado 20 de outubro chamáronnos a algunhas das explotacións con animais en seguimento para comunicarnos que ían proceder o día 21 á marcaxe dalgúns animais para sacrificio obrigatorio, sen facilitarnos unha información completa dos resultados das probas e os criterios aplicados en cada explotación. 

A maiores, as explotacións que aproveitamos pastos no comunitario -que somos a maioría- aínda que non teñamos animais reaccionantes pasamos a ter as explotación tamén inmobilizadas ata que que se teñan os resultados do último animal sacrificado na zona, prazo que se pode alongar entre 3 meses e 6 meses se se da o caso de algún animal que supere o 90% da súa xestación e que terían que concederlle unha prorroga.

Despois de terse reunido o pasado xoves 20 de outubro gandeiras e gandeiros de varias parroquias de Abadín e concellos limítrofes e analizar a situación, confirman que hai que abordar dende a Administración varias accións con urxencia para que o saneamento sexa unha medida que garanta o benestar da cabana gandeira e redunde no beneficio das granxas, e non o que foi este ano: un exemplo de descoordinación e unha medida moi gravosa para as explotacións. É difícil de entender que dun 0% de positividade dende fai varios anos, pasemos de repente nalgunha parroquia a un 80% de positividade.