A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O sector lácteo valora iniciar accións de denuncia fronte á imposición dunha baixada masiva de prezos

O sector lácteo valora iniciar accións de denuncia fronte á imposición dunha baixada masiva de prezos

1 de Abril do 2023

leitedenunciacontratos

Como xa advertimos no mes de febreiro, as industrias lácteas forzaron unha baixada o prezo do leite malia á suba de custos. Xunta e Ministerio non actuaron fronte á imposición de contratos á baixa e presentados fóra dos dous meses previos establecidos

Meira, 1 de Abril 2023. A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), analizou en Meira a actual situación do sector leiteiro no marco da renovación maioritaria de contratos que terá lugar a partires de hoxe, 1 de abril, condicionada polas baixadas importantes de prezo realizadas por tódalas industrias, así como pola vulneración do requisito de realizar as ofertas de prezo con alomenos dous meses de antelación, como esixe o Paquete Lácteo.

Malia que a tendencia á suba nos custos de produción deste último ano mantense constante, e que os prezos dos produtos lácteos industriais tamén subiron, como xa advertimos dende o SLG o pasado mes de febreiro as operadoras seguen a ampliar as súas marxes de beneficio a costa de estrangular unha vez máis o elo máis feble da cadea: as granxas.

As gandeiras e gandeiros do SLG non admitiremos unha baixada de prezos, en tanto non se produza unha baixada clara e suficiente dos custos de produción e nomeadamente dos pensos. A actual situación de seca extrema en Europa e en boa parte da Península dá lugar á posibilidade de que teñamos que enfrontarnos a unha escaseza de alimento para o gando nun futuro moi próximo. Tamén as condicions climáticas que padece Arxentina, un dos principais proveedores de soia, materia prima presente na maioría de pensos para vacún de leite, afasta a posibilidade dunha suposta baixada dos custes de produción.

Non hai motivos polo tanto para que a industria, que fai uns meses se pelexaba polas granxas, agora as maltrate con esta baixada tan agresiva que volta colocar os prezos no fío da incertidume de verse obrigadas a vender a perdas por non poder cubrir custos de produción e remuneración do traballo.

Fronte aos abusos das industrias lácteas, a Dirección do Leite do SLG anima ás gandeiras e gandeiros a denunciar a imposición de ofertas extemporáneas ou fóra de prazo como medida para evidenciar estas irregularidades contractuais, ao tempo que recomenda dirixirse á Axencia de Información e Calidade Alimentaria (AICA) para trasladar información sobre as industrias que están a operar estes incumprimentos.

Ademais, dende o Sindicato Labrego proporemos á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura que a oferta de renovación de contratos sexa asinada ante a Administración, nas Oficinas Agrarias Comarcais, procurando que esta actúe como mediadora a fin de correxir os desequilibrios de poder que están a condicionar a cadea de produción láctea. Alias, e como temos repetido en múltiples ocasións, queremos facer fincapé en que é totalmente intolerábel que a día de hoxe a Xunta de Galicia siga sen proporcionar índices oficiais de custos de produción.

Cando a Xunta de Galicia e o Ministerio permiten que as insdustrias impoñan unha baixada de prezo masiva como a que aconteceu agora están sendos cómplices do aceleramento do continuo peche de granxas que padece o noso país, levando ao sector lácteo a posicións irrecuperables na produción de leite. Previsiblemente as consecuencias extenderanse ademais fóra do propio sector, xa que non só temos que ter en conta as granxas, senón todas aquelas actividades produtivas que dependen do sector lácteo galego e do emprego que este xera no rural.