A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O Consello Galego das Mulleres segue sen cumprir os seus obxectivos en materia de igualdade no rural

O Consello Galego das Mulleres segue sen cumprir os seus obxectivos en materia de igualdade no rural

5 de Agosto do 2019

Consello Galego das Mulleres

O Consello Galego das Mulleres (CGM) constituíuse en mazo de 2014. É un órgano de carácter consultivo, de participación efectiva de mulleres para asesorar en materia de políticas de igualdade e, sobre todo, para traballar na prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Porén, os poucos obxectivos que ten para avanzar en igualdade no rural seguen sen cumprirse e sen impulsar accións que inviten a pensar en que se vaia facer algún día.

Entre os seus principios do CGM está o de favorecer a participación das mulleres, a través de asociacións e entidades, para deseñar ditas políticas de fomento de igualdade e de loita contra a discriminación e erradicación da violencia de xénero, principalmente.

Dende que se creou o Consello Galego das Mulleres, a Asociación Labregas vén participando nel. En base a estes anos de experiencia, cómpre dicir que o CGM non se reúne coa suficiente continuidade como para dar seguimento aos temas que son da súa competencia, nin para que as asociacións que formamos parte del poidamos levar as nosas preocupacións. Por este motivo, non podemos compartir a información que recompilamos no día a día. As asociacións e colectivos como Labregas, que estamos no CGM, somos as axentes que mantemos un contacto directo coas mulleres, coa súas situacións particulares en todo o territorio, coa súa realidade en canto á calidade ou existencia dos servizos públicos e o seu acceso e, sobre todo, en torno a todas as formas de violencia que podemos sufrir.

Para a Asociación Labregas hai dous temas fundamentais de traballo no día a día:

  1. 1. O acceso aos servizos públicos no rural que, dende hai anos, son cada vez máis escasos, tal e como denunciamos decotío. Esta deficiencia de servizos tradúcese en que os recursos que se dedican a erradicar a violencia de xénero con políticas de igualdade son insuficientes, en que diminúe a calidade, cando non desaparece, a asistencia sanitaria ou a educación porque só priman os intereses económicos, baremados en torno o número de persoas que acceden a estes recursos.
  2. 2. A Lei de Titularidade Compartida. Cómpre lembrar que se trata dunha lei aprobada en 2011. Porén, a pesares de que xa pasaron máis de sete anos dende a súa saída á luz, só se tramitaron 603 titularidades compartidas en todo o Estado, das cales 18 foron na Galiza. Se pensamos en que as previsións iniciais apuntaba a que, só na nosa terra, había máis de 30.000 posibles beneficiarias, o fracaso da súa aplicación é patente. Todas estas mulleres seguen, hoxe en día, a estar completamente invisibilizadas na súa consideración como simple "axuda familiar".

Para a Asociación Labregas, o Consello Galego das Mulleres podería ter feito unha aposta moito máis decidida por favorecer a aplicación desta lei para sacar da invisibilidade a miles de mulleres labregas, promovendo un traballo directo con todos os órganos da Consellaría de Medio Rural que nel participan, pero seguimos agardando sen que nada se faga ao respecto.

Consello Galego das Mulleres

En primeiro termo pola esquerda, a técnica do SLG Ana Eiras en representación da Asociación Labregas no CGM