A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O SLG avoga por introducir a problemática da titularidade compartida no Plan de Igualdade de Vilalba

O SLG avoga por introducir a problemática da titularidade compartida no Plan de Igualdade de Vilalba

15 de Febreiro do 2020

Titularidade compartida

O Concello de Vilalba está traballando no terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres para o que convocou a diversas organizacións e colectivos da Terra Chá a un encontro de traballo o pasado xoves, 13 de febreiro. Por parte da Secretaría das Mulleres do SLG acudiu a nosa coordinadora na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, que propuxo desenvolver accións para afrontar a problemática da titularidade compartida.

Ledo coincidiu en varios puntos na análise da situación do Concello de Vilalba no que respecta á situación demográfica, de saúde e de violencia de xénero; e tamén en diversas propostas con outros colectivos, como a necesidade de levar a cabo programas de alfabetización xurídica para mulleres de todas as idades, corrixir as deficiencias do transporte colectivo nas zonas rurais, accións de apoio familiar para mitigar a carga de traballo das mulleres coidadoras, reforzar en todos os eidos a prevención da violencia machista ou a posta en marcha de programas de reparación das vítimas e outras persoas afectadas.

Xa máis centradas no eido agrario, dende a Secretaría das Mulleres do SLG achegouse unha proposta especifica consistente en analizar a situación de mulleres cotizadoras pola agraria e titulares de granxas e, en base aos datos estatísticos achegados polo concello, poñer en marcha medidas específicas para enfrontar o problema da cotitularidade nas explotacións agrarias.

Cómpre lembrar que, dende a entrada en vigor da Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, o 5 de xaneiro de 2012, tan só se fixeron cotitulares 5 mulleres en toda a provincia de Lugo (18 na Galiza). Cando se aprobou a lei, existían estimacións que apuntaban a que, só na nosa terra, podería haber unhas 35.000 mulleres labregas que traballan na granxa familiar estando só o seu cónxuxe como titular único, carecendo así de dereitos laborais e figurando tan só como “axuda familiar” a pesares de exercer a profesión.

Por iso, entendemos que, nunha comarca eminentemente agraria como a Terra Chá, é necesario identificar cantas mulleres labregas se atopan nesta situación de precariedade debido a non ser titulares nas granxas nas que traballan, e realizar accións concretas para rematar con esa situación de interinidade profesional e vital.