A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG pedirá na Terra Chá que non se cobren atrasos do IBI nos inmobles agrarios da revisión catastral

O SLG pedirá na Terra Chá que non se cobren atrasos do IBI nos inmobles agrarios da revisión catastral

27 de Xullo do 2015

Punto de información catastral

Aínda que non chegaron as cartas avisando da revisión catastral a Abadín, Xermade, Cospeito, Muras e Guitiriz; está previsto que estes concellos vivan en breve un proceso semellante ao que xa houbo en Vilalba. En concreto, en Abadín, Xermade e Cospeito comezou o 4 de novembro de 2014 e rematará o vindeiro 30 de outubro; mentres que en Muras e Guitiriz, o proceso botou a andar o 26 de xuño para concluír o 30 de xullo de 2016.

O Sindicato Labrego Galego vén de solicitar a estes concellos xuntanzas a partir do mes de setembro para instarlles a solicitar á Xerencia do Catastro que deixe sen efecto as taxas de regularización catastral nas obras agrarias que estean acollidas ao proceso de regularización, Un dos motivos para solicitar esta exención é a dramática situación pola que está a pasar o sector leiteiro, maioritario na Terra Chá, con prezos por baixo dos custes de produción e mesmo con granxas ás que ameazaron con deixar de recollerlles o leite. Nestas circunstancias, resultaría inviable para moitas explotacións pagar as taxas de regularizar bens inmobles que non estean dados de alta no Catastro -60 euros por cada unha- así como pagar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) dos últimos catro anos que tería dereito a cobrar o concello. Hai que ter en conta que, agora mesmo, hai granxas que non dan pagado tódalas facturas que teñen a fin de mes, como para engadir outras máis na súa conta de débedas.

Polo que levamos visto noutros concellos da Terra Chá, como Vilalba, ou do resto do país, as actualizacións catastrais supoñen, no caso concreto das construcións para usos agrogandeiros, taxacións decotío por riba do valor real da obra, o que se traduce nun aumento dos impostos aos que terán que facer fronte as granxas, e mesmo a perda de becas de estudo para as familias en caso de que teñan bens inmobles cuxo valor supere os 13.000 euros por unidade familiar, algo que pode ser doado en naves para o gando de tamaño grande.

Outra das peticións do Sindicato Labrego Galego é que se abra un servizo extraordinario de información á cidadanía nos diversos concellos con este tema para que, quen queira, poida informarse de como lle afecta ás súas propiedades a revisión catastral.

Dende o SLG lémbrase que “os concellos, ademais de contar con mecanismos de presión para defender a súa xente, contan con posibilidades legais para establecer non un trato de favor, senón un trato xusto e que responda ás circunstancias sociais. Así, a lexislación de facendas locais conta con mecanismos para facer valer os intereses da poboación rural que se dedica á actividade agrogandeira, como é o caso de exencións e bonificacións a través das oportunas ordenanzas, sempre no marco das súas competencias”. De aí que nos escritos presentados tamén se pida que se apliquen as exencións ou bonificacións de oficio que correspondan para as vivendas do rural e para as construcións agrarias.