Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada pola súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, Xosé Ramón Cendán e Diego Sánchez Agra, mantiveron hoxe, 17 de xuño, un encontro en Compostela co director xeral Desenvolvemento Rural e responsable do Banco de Terras (Sitegal), Miguel Pérez Dubois.
A xuntanza estivo centrada en falar, precisamente, do Banco de Terras e en poñer en coñecemento de Dubois unha serie de fallos que están a provocar que o Sitegal non estea a ser a ferramenta útil para resolver un dos principais problemas da agricultura e gandaría galegas: o feito de que só o 24% do noso territorio ten uso agrícola, fronte ao 40% de países máis desenvolvidos como Francia. Isto fai que moitas das nosas explotacións teñan unha insuficiente base territorial, o que as obriga a optar por sistemas de produción máis intensivos, con maiores custes de produción e unha grande vulnerabilidade en situacións de crise como a que padece, actualmente, o sector lácteo.
Nestas circunstancias, é necesario facilitar o acceso das granxas a unha maior base territorial, especialmente por parte da xente nova, e aí é onde xoga un importante papel o Banco de Terras. Sen embargo, na actualidade, o Sintegal acumula demoras de até dous anos para resolver os expedentes e a oferta de predios é manifestamente insuficiente en comparación coas terras agrarias abandonadas que temos no país. Dende o SLG incidimos en que cómpren novas fórmulas de xestión para facilitar o acceso a parcelas en estado de abandono, bonificacións para axilizar a mobilidade dos terras, etc.