A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. Esiximos que o COGAMADS sexa unha ferramenta real de participación cidadá

Esiximos que o COGAMADS sexa unha ferramenta real de participación cidadá

15 de Febreiro do 2023

aldeaslibres

Denunciamos a distorsión das funcións propias dos órganos de consulta social como o COGAMADS por parte da Xunta de Galicia. Solicitamos saber cantas granxas foron excluídas pola Xunta das axudas á produción ecolóxica nos espazos naturais protexidos

O vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS), Diego Sánchez Agra, interpelou á Consellería de Medio Ambiente, Teritorio e Vivenda durante a presentación do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Fragas do Eume realizada na sesión celebrada onte, para instar a consultar coa Consellería do Medio Rural o número exacto de expedientes de axudas de ecolóxico que quedaron fóra de aprobación no conxunto dos territorios situados dentro dos espazos naturais protexidos, habida conta de que a Directora Xeral de Patrimonio Natural subliñou o feito de que que nestas zonas constátase un forte despoboamento e un descenso elevado da actividade labrega, quedando como alternativas viables as producións diferenciadas, como a agricultura e gandaría ecolóxicas.

Aliás, e tamén centrándose no PRUX das Fragas do Eume, o vogal do SLG no COGAMADS solicitou saber se se van activar accións concretas a desenvolver para loitar contra a invasión de cultivos forestais con especies alóctonas (eucalipto) ou a presenza de liñas eléctricas perxudiciais para a fauna salvaxe, detectadas como ameazas polo propio equipo redactor do Plan Reitor.

Asemade, e como lamentablemente vén sendo habitual nas últimas sesións do Consello Galego de Medioambiente e Desenvolvemento Sostíbel, tanto o representante do SLG como doutras organizacións como a Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Universidade da Coruña (UDC), víronse na necesidade de alertar sobre a distorsión das funcións propias dos órganos consultivos da Xunta de Galicia, como é o propio caso do COGAMADS, que a día de hoxe “só serven para que o Goberno galego vaia a expoñer as distintas normativas, regulamentos e documentos de planificación de cara a poder dicir que se cumpriu o trámite de participación social, sen que se abra ningún debate ao respecto. De feito nesta sesión a Secretaria tentou pasar ó seguinte punto da orde do día sen abrir rolda de participación das persoas representantes das organizacións sociais, e sen que se recolla ningunha das propostas emanadas destes órganos, máis aló de quedar reflectidas nunha acta”, denunciou Agra.

Na súa crítica, o SLG, a CIG e a UDC reiteraron a importancia de avaliar e debater documentos que non son estritamente de regulación ambiental, máis nos que é necesario que pasen pola análise do órgano de medio ambiente, así como a pertinencia de que se traballe para emitir informes e ditames ao respecto, citando expresamente a necesidade de abordar o Plan Eólico e a Lei do Litoral.

Neste senso, instaron tamén á Conselleira de Medioambiente e Presidenta do COGAMADS, Ángeles Vázquez, a desatascar o conflito aberto tras o reiterado bloqueo nos últimos plenos do Consello da votación dunha posible moratoria eólica, e por mor do cal tres organizacións ecoloxistas continúan a ausentarse do COGAMADS en sinal de protesta.