
25/04/2025
A Plataforma Sí a un rural vivo, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde volven manifestar o seu rexeitamento aos viñedos industriais: STOP AO PROXECTO DA ADEGA ALTOS DE TORONA
O proxecto da Adega Altos de Torona, no Concello de Boqueixón, afectaría a Donas, Sucira, Codeso e Paradela. Trátase de 4,82 hectáreas máis de viñedo nunha zona xa profundamente desbastada polo viñedo industrial Denunciamos a nula información por parte das Administracións á veciñanza, o que fai que en moitos casos non se poidan presentar as alegacións pertinentes dentro dos prazos establecidos para a consulta pública.
A Plataforma Sí a un rural vivo, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde, vimos coordinando as nosas actividades para fortalecer a loita na defensa da vida, da saúde, da biodiversidade, da paisaxe e da economía local da Comarca da Ulla, que se ven seriamente ameazadas pola expansión do viñedo industrial que prolifera a ambos lado do río Ulla.
O pasado 16 de abril, amosabamos nun comunicado o noso contundente rexeitamento ao proxecto da Adega Martín Códax de implantar novos viñedos no Concello de Vedra, concretamente nas parcelas “Revolta das Devesiñas” en Trobe, “Sarandón” en San Pedro de Sarandón e “Palomar e Almestro” na parroquia de Ponte Ulla.
Hoxe, 25 de abril, volvemos manifestar o noso máis rotundo rexeitamento do proxecto que ten a Adega Altos de Torona de implantar outro viñedo no Concello de Boqueixón, que afectaría a Donas, Sucira, Codeso e Pousada. Trátase de 4,82 hectáreas máis de viñedo nunha zona xa profundamente desbastada polo viñedo industrial. Abonda con dar unha volta polo viñedo que esta mesma empresa ten implantado xa no lugar de Donas para ver a desfeita.
Queremos denunciar, así mesmo, a nula información por parte das Administracións á veciñanza, o que fai que en moitos casos non se poidan presentar as alegacións pertinentes dentro dos prazos establecidos para a consulta pública. Neste sentido, demandamos ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, que estableza as medidas necesarias para que o veciñanza do concello sexa informada de calquera proxecto de implantación de viñedo no momento no que se inicie calquera tramitación para a plantación de viñedo industrial.
Demandamos igualmente do alcalde e da Corporación Municipal de Boqueixón que como Administración afectada informen da incompatibilidade deste novo viñedo coa saúde, coa biodiversidade e co medio ambiente.
Este novo viñedo non se pode avaliar de maneira illada, xa que vai seguir sumando na conta dos impactos que xa vimos denunciando dende hai tempo, a saber:
- Contaminación das augas, do aire e do solo por abonado, herbicidas e pesticidas, o que supón un grave risco para a saúde das persoas que habitamos a comarca e para a fauna, incluída a acuática. Nesta zona, os veciños e as veciñas, debido á xa insoportable concentración de viñedos, terán que respirar grandes doses de velenos durante os catro ou cinco meses de intensa aplicación de pesticidas. Pero resulta evidente para calquera que coñeza algo sobre o tema que a nube de pesticidas afecta a un entorno máis amplo que a veciñanza contigua. Unha avaliación de impacto ambiental seria non pode concluír que o efecto sobre a saúde humana sexa nulo.
- Perda de biodiversidade e impacto paisaxístico coas talas masivas de monte e de especies autóctonas. Ningún proxecto de viñedo industrial vai favorecer a biodiversidade, máis ben ao contrario, os monocultivos sempre xogan en contra da biodiversidade, ao mesmo tempo que modifican profundamente a paisaxe da comarca da Ulla.
- Ameaza para as pequenas adegas que se verán desprazadas dos mercados locais e de proximidade pola presión das grandes adegas e máxime nun contexto de forte inestabilidade dos mercados de exportación. Nese senso cómpre sinalar que, segundo datos da D.O Rías Baixas, as exportacións na campaña 2023/2024 (do 31/08/23 ao 1/09/24) supuxeron o 30% do total das vendas das adegas acollidas á mesma.
- Ameaza tamén para os viticultores e as viticultoras que venden a uva ás adegas que poden sufrir importantes baixadas de prezos ou incluso non ter quen lle compre as uvas como pasou esta última vendima na Ribeira Sacra.
Por último, dende a Plataforma Sí a un rural vivo, o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla e a Asociación Defensa da Ulla Verde, queremos manifestar que este tipo de proxectos promovidos polas grandes adegas e fortemente subvencionados polas administracións públicas, só benefician ao capital que hai detrás delas, e que en absoluto contribúen á fixación de poboación nos concellos onde se implantan, máis ben todo o contrario. Neste sentido, instamos ás administracións públicas a deixar de subvencionar estes proxectos e destinar estes fondos a promover proxectos labregos de agricultura, viticultura, fruticultura e gandaría con métodos de produción agroecolóxicos, como única garantía dun desenvolvemento económico das áreas rurais.
Entendemos que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático se actúa con rigor nunca poderá facer unha avaliación de impacto ambiental positiva de ningún destes proxectos de viñedo industrial.