21/05/2024
A solicitude do SLG, o proxecto GAMA de Altri-Greenalia será debatido esta semana no Consello Forestal
Instaremos á Xunta de Galicia a respectar a prohibición de novas plantacións de eucalipto até 2025 incluída na Lei 11/2021. Dirixímonos tamén ao COGAMADS para tratar na vindeira sesión as consecuencias da posíbel instalación desta macrocelulosa
Aceptando a solicitude do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigas da Terra e a Asociación Frouma, o proxecto de macrocelulosa GAMA das empresas Altri e Greenalia (Greenfiber SL) será debatido durante o pleno do Consello Forestal de Galicia, convocado para este xoves 23 de maio.
Tamén, canda a Confederación Intersindical Galega (CIG), solicitamos onte a inclusión deste punto na orde do día do Consello Galego de Medioambiente e Desenvolvemento Social (COGAMADS), que terá lugar o 31 deste mesmo mes.
Dende o SLG somos conscientes da posibilidade de que a aceptación deste debate sobre o proxecto Gama no Consello Forestal teña como obxectivo precisamente escenificar -como vén facendo nestas semanas- que a Xunta de Galicia está alineada cos plans de negocio das empresas privadas que explotan madeira nos nosos montes, así como con outras corporacións con grande influencia no Goberno galego, tales como Inditex e Greenalia, con máis que coñecidos lazos en común e ca propia Xunta, e claros intereses de lucro económico na construción desta xigantesca fábrica de celulosa.
Porén, o Consello Forestal constitúe a principal canle de participación da sociedade galega para potenciar a xestión sustentable e fomentar o desenvolvemento do monte, polo que consideramos importante que sexan abordadas neste órgano consultivo as repercusións da posible instalación desta macropasteira de celulosa vexetal a base de madeira de eucalipto, que viría a incrementar as problemáticas derivadas do seu monocultivo intensivo no noso país -de forte impacto xa na zona da Ulloa-, tales como o risco de incendios forestais, a perda de biodiversidade, a destrución de masas de frondosas autóctonas e a degradación dos solos.
Instaremos á Xunta de Galicia a explicar baixo que criterio está a fomentar un proxecto que demandaría altas cantidades de madeira de eucalipto, se neste momento está vixente a moratoria introducida na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, na que se prohiben as novas plantacións desta especie ata finais do ano 2025.
O motivo de introducir a moratoria foi precisamente a alta proliferación de eucalipto -provocada, entre outras industrias, pola alta demanda da fábrica de celulosa ENCE, que é dez veces máis pequena do que sería a de Greenfiber-, así como o intento de preservar áreas do interior do noso país sen plantacións de eucalipto.
A día de hoxe temos na Galiza aproximadamente 647.600ha. de superficie agraria útil (SAU) fronte a 2.000.000 ha. de terras forestadas: prácticamente catro veces máis extensión que a que adicamos a producir alimentos para os case tres millóns de persoas que vivimos na Galiza. Este é un dos motivos polo que, malia ao noso claro potencial como produtoras de alimentos, somos o territorio con menos SAU de todo o Estado.
Foron presentadas máis de 25.000 alegacións ao proxecto de construción desta factoría. Unha importante parte da cidadanía galega ten claro que Altri, con graves episodios de contaminación de augas ás súas costas, pretende desenvolver na Galiza, utilizando 250 millóns de diñeiro público dos Next Generation e do PERTE de descarbonización, un tipo de instalación industrial con fortes efectos contaminantes que impactarían na saúde das persoas e do medio ambiente.
Así, ante a crecente alarma social, cumpriría que o Consello Forestal de Galicia analizase con responsabilidade as consecuencias da posible instalación desta industria sobre o modelo produtivo, a paisaxe, as masas autóctonas, e a compatibilidade da demanda de madeira de eucalipto co recollido no Plan Forestal de Galicia, os datos obtidos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, a Extratexia para o Fomento da Xestión Activa das Frondosas e o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia, entre outras consideracións.
A día de hoxe xa se superaron as previsións de plantacións de eucalipto que figuraban inicialmente no Plan Forestal de Galicia para o ano 2030, de modo que a prohibición de novas plantacións enmárcase no sentido de evitar que o monocultivo de eucalipto exceda as proporcións previstas en relación a outras especies forestais.
A aprobación deste proxecto de macrocelulosa iría no sentido totalmente contrario a esta formulación, sendo o elemento acelerador de novas plantacións de eucalipto en Galicia, aumentando a perda de superficie agraria útil, a destrución da biodiversidade dos bosques e o cambio de modelo produtivo no ámbito forestal, así como o risco de sobreexplotación para os acuíferos e zonas húmidas.
Imaxe: Eucaliptais A Ulloa (Ecoloxistas en Acción)