AxudasIncorporación

03/02/2023

A Xunta denega a axuda de incorporación a 74 novas granxas que cumprían os requisitos para recibila

Ao igual que sucedeu cas axudas á produción ecolóxica, a Xunta orzamentou de xeito deficiente estes fondos públicos. As estatísticas alertan da falta de relevo xeracional: 6 de cada 10 labregas/os estarán xubiladas no ano 2030

Compostela, 3 de Febreiro 2023. Hoxe coñecemos a resolución das solicitudes de subvención para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

Unha vez máis, e ao igual que aconteceu recentemente cas axudas complementarias ao sector cárnico ou á produción ecolóxica, a Xunta de Galicia voltou denegar estes apoios económicos públicos a pequenas e medianas granxas que cumprían cos criterios establecidos nas mesmas.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos chamar a atención sobre a absoluta irresponsabilidade da Administración galega, que nun contexto de tendencia ao despoboamento do medio rural e no que a previsión é que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estea xubilada no ano 2030, deixa sen apoio económico público a 74 novas granxas galegas.

Observamos nesta resolución, unha vez máis, o desleixo intencionado do Partido Popular de Galicia con respecto ao modelo de produción de alimentos en base a pequenas e medianas granxas propio do noso territorio. De feito, un dos criterios a valorar na mesma foi a realización de plans de mellora -habitualmente vinculados á mecanización de granxas grandes-, en lugar de fomentar a activación de novos proxectos produtivos. A Consellaría do Medio Rural, como xa ten manifestado, aposta polas macrogranxas, favorecendo a concentración dunha cuestión tan sensíbel como é a produción de alimentos nun limitado número de empresas.

Neste caso, ademais, cabe salientar que as dificultades que a Xunta está a pór a estas granxas non se limita só á denegación deste apoio económico. A resolución do 2022 chega unha vez que xa se iniciou o prazo de solicitude da nova convocatoria 2023, procedemento que non só non se axusta aos prazos de resolución establecidos pola Administración, senón que implica consecuencias directas negativas para as granxas solicitantes. Por unha banda, aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perden agora a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por terse tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto. Aliás, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda nesta nova convocatoria, perderon varios días do prazo establecido para a mesma -aberto actualmente-, ao enterarse hoxe da súa denegación.

Neste senso, reiteramos a nosa demanda á Xunta de Galicia de que a solicitude de axudas de incorporación á actividade agraria estean abertas durante todo o ano, non unicamente durante o prazo dun mes establecido arestora, a fin de adecualo á realidade das necesidades da produción agroalimentaria do noso país.

Dende o SLG esiximos que as políticas públicas da Consellaría se centren en velar por un medio rural vivo, no que cada día teñamos máis labregas/os e mellores alimentos, a salvo de macrogranxas que destrúen o territorio, esquilman os nosos recursos naturais, producen unha alimentación moi afastada dos estándares de calidade nutritiva propios do modelo labrego de produción de alimentos e entorpecen a consecución do noso dereito á soberanía alimentaria.