
07/10/2024
A Xunta inicia unha campaña de deslexitimación masiva de milleiros de persoas que alegaron en contra de Altri
As entidades e plataformas que a Xunta pretende deslexitimar representan intereses colectivos na defensa da saúde, do traballo, do medio ambiente, do medio rural e das veciñas e veciños directamente afectados. As plataformas Ulloa Viva e PDRA anuncian unha nova mobilización masiva para o 15 de decembro, en Compostela.
As plataformas Ulloa Viva e en defensa da Ría de Arousa, xunto cos outros colectivos ecoloxistas e sindicais do país, denunciamos publicamente a campaña que a Xunta está a facer valéndose da maquinaria administrativa para intentarnos acalar e deixarnos fóra da tramitación do proxecto, cando coma galegos e galegas afectadas polo seu impacto, temos dereito a que a Administración de todas e todos non dea información sobre o proxecto de Altri-Greenalia, en que situación está o expediente, acceder aos informes sectoriais e saber que valoracións fan os técnicos e cales son os resultados.
Non contenta con filtrar á prensa supostos informes encargados a distintos organismos, dos que non temos notificación nin coñecemento, a Xunta de Galicia está a mandar escritos de requerimento ás máis de 23.000 persoas individuais e colectivas que presentaron alegacións contra o proxecto Gama para que demostren a súa lexitimidade para acceder á información e se lles recoñeza a condición de persoas interesadas no procedemento administrativo de autorización do proxecto.
Dende hai máis dunha semana moitas das persoas asinantes das 23.000 alegacións están a recibir requerimentos da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, asinados pola xefa de servizo de Coordenación Administrativa, nos que a Xunta require emendar a solicitude dos alegantes para declaralos como persoas interesadas na causa. En base ao artigo 4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común, a Xunta pídelle aos particulares, que alegaron contra Altri e queren obter información do Executivo galego sobre a tramitación do proxecto, que acrediten o seu interese -no prazo de 10 días hábiles- para que ese mesmo departamento valore dita acreditación. En caso contrario, advirte que o requerimento entenderase por desistido e, por tanto, non se outorgará a condición de persoa interesada, impedindo o seu acceso ao expediente.
Urxe a resposta social na defensa do dereito á participación e á información
Diante desta ofensiva lanzada por parte da Xunta contra as máis de 23.000 alegacións ao proxecto de Altri, a Plataforma Ulloa Viva e a PDRA, xunto con outras asociacións e colectivos de todo o país, anunciamos unha campaña de acción conxunta contra o intento da Xunta de amordazar ás persoas que alegaron en contra de Altri. Esta actuación antidemocrática do Goberno galego súmase á negativa a ampliar os prazos de exposición pública para formular alegacións tanto no propio proxecto como no da captación de augas e vertedura.
Diante da preocupación e o enfado co que os milleiros de persoas que presentaron alegacións están a recibir estes escritos da Xunta, Ulloa Viva e a PDRA advertimos á Xunta que as galegas e galegos que non queremos Altri, o país enteiro non se vai deixar asoballar polo feito de que o PP pretenda usar a maquinaria da administración de todas contra os seus propios administrados.
Os escritos de requerimento da Xunta están a ser contestados por parte da cidadanía alegando en moitos casos a condición de propietarios, arrendados, titulares de explotacións ou de proxectos empresariais no territorio, para reclamar algo tan sinxelo coma que o seu propio goberno os recoñeza como interesados na tramitación do proxecto. Un proxecto que pode mudar as súas vidas, poñer en perigo a súa saúde, botar a perder os seus negocios, estragar as súas explotacións agro-gandeiras/ marisqueiras e mesmo obrigalos a marchar. O tecido económico e social, a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla e os sectores do mar que viven da ría de Arousa están totalmente afectadas por este proxecto que ameaza o seu futuro. Ulloa Viva e a PDRA denunciamos a insensibilidade e desprezo do goberno da Xunta de Galicia, do PP, que cando se sinte acorralado polo clamor social decide atacar aos seus propios cidadáns.
De feito son moitas as persoas propietarias de fincas afectadas por este proxecto que acreditaron esta condición no período de alegacións ás que a Xunta obriga agora a reiterarse na súa lexitimidade como parte interesada. Curiosamente, foi a a propia Xunta de Galicia a que publicou a referencia catastral dos seus predios no Diario Oficial de Galicia, colocándoos coma afectados pola instalación da macrocelulosa.
Modelos de resposta á disposición da cidadanía
As presentes organizacións temos nas nosas páxinas web e redes socias á disposición da cidadanía sendos modelos de escritos de resposta que xustifican o interese das pesoas alegante a obter información e a participar no procedemento administrativo de autorización.
As persoas asinantes das alegacións demandamos o cumprimento do artigo 53 da Lei 39/2015 de ser recoñecidos coma interesados nun procedemento administrativo. Segundo esta lei, supón simplemente o dereito a coñecer en calquera momento o estado de tramitación do procedemento e acceder ou ter copia dos documentos de dito procedemento. Se a Xunta está a levar, como di, o procedemento con total transparencia, non debería ter problema algún para que a cidadanía exerza o seu dereito a participar no mesmo e a ser recoñecido o seu interese por lei.
No caso das persoas que pediron ser declaradas interesadas no procedemento sen ter predios ou dereitos directamente afectados, tamén convidamos a que resposten a esta falta de respeto da Xunta de Galicia, apelando aos dereitos que temos recoñecidos na Constitución Española (nos artigos 15, 43,1 e 45.1) á vida e á integridade física, á protección da nosa saúde, a desfrutar dun medio ambiente axeitado para a saúde das persoas e a preservar o uso de diñeiro público ante o intento de Altri e da Xunta de Galicia de obter financiamento das Administracións Públicas.
Quérennos sacar o noso dereito a protestar, a estarmos informados e mesmo os nosos dereitos constitucionais, mais a lexitimidade é do pobo e ningunha das 23.000 alegacións pode ir ao lixo, porque o proxecto de Altri significa mudar o modelo de país e por tanto aféctanos a toda a cidadanía.
Novo chamado á mobilización: 15 de decembro, en Compostela
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, apoiadas por outros moitos colectivos, anunciamos a convocatoria dunha grande mobilización nacional para o vindeiro 15 de decembro en Compostela, unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei, baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. ALTRI non!”
Diante da tramitación do Proxecto Gama na Xunta de Galicia, o desprezo do goberno galego a informes científicos dun órgano asesor estatutario coma o presentado o mes pasado polo Consello da Cultura Galega, e o feito de que o goberno de Rueda segue sen atender ao clamor social contra Altri e continúa a defender os intereses particulares dunha empresa no canto de defender ás galegas e galegos, ao noso territorio e aos nosos sistemas produtivos da terra e do mar.
O tecido económico e social, a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla e os sectores do mar que viven da ría de Arousa están totalmente afectadas por este proxecto que ameaza o seu futuro.
Ulloa Viva e a PDRA anunciamos que voltaremos ás rúas, todas e todos, para dicirlle ao PP e a Rueda que nin queremos nin precisamos unha macrocelulosa no corazón da Galiza que suporía a destrución do noso país até a Ría de Arousa.