TrampaVelutina

15/05/2025

Alertamos do significativo aumento de raíñas de Vespa Velutina capturadas no trampeo de primavera

Preocupante o absurdo triunfalismo e desleixo da Xunta logo dun ano 2024 de circunstancias climatolóxicas favorables ao control. A Xunta parabenízase por colocar 20 trampas no concello de Pol, onde debería ter instalado 2.000, e elimina o apoio das brigadas

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alerta do aumento de raíñas de Vespa Velutina capturadas esta primavera e amosa preocupación polo "triunfalismo" e desleixo que mostra a Xunta de Galicia logo dun ano 2024 onde as circunstancias climáticas deron unha certa " tregua" ás persoas abelleiras, pero que en absoluto pode ser interpretado como un síntoma de control, e moito menos de erradicación, desta especie invasora que está a ameazar a produción apícola galega.

A realidade é que a Vespa Velutina non fixo tantos niños secundarios como en anos precedentes, e polo tanto son máis difíciles de localizar por parte da veciñanza, o cal non significa que a súa presenza se reducira, simplemente que no ano 2024 adaptou o seu ciclo ao clima e os niños tiveron un desenrolo menor, pero non influíu no ciclo de fecundación e creación de raíñas para a tempada seguinte, xa que este número vén determinado polo número de niños existentes, non polo tamaño destes”, explica o apicultor e integrante da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez.

A cuestión é que, logo dun 2024 atípico, no que como comentamos a presenza de choivas até entrado o verán atrasou o ciclo biolóxico da Vespa Velutina, nestas últimas semanas estamos a ver como o número de raíñas trampeadas é maior que en anos pasados, polo que resulta especialmente intranquilizador que este ano a Xunta deixara o trampeo en mínimos, até o punto de que, como tivo constancia o SLG, moitas brigadas antiincendios que viñan realizando este traballo, este ano non foron dotadas do material correspondente pola Xunta de Galicia.

Paralelamente, un crecente alarmismo estase instalando entre as persoas abelleiras polo aumento significativo de raíñas de vespa velutina que están a recoller no xa tradicional trampeo de primavera. Compre destacar que durante anos este trampeo foi unha das mellores maneiras para rebaixar no verán o ataque da Vespa Velutina ás nosas colmeas. Traballo no que sempre quen máis esforzo e tempo puxo foron as propias persoas abelleiras coa colaboración de centos de persoas que habitan no medio rural que vían con preocupación os estragos que en abellas, horta e froita estaba a facer esta especie invasora.

Para quen traballamos no sector resultan até insultantes novas como a publicada onte en varios medios da provincia de Lugo facéndose eco da colocación de 20 trampas no concello de Pol. As persoas abelleiras sabemos perfectamente que para ter efectividade no trampeo hai que pór trampas dun determinado xeito o arredor do colmear, aproximadamente 15-20 trampas por km2. Colocar 20 trampas nun concello de 125,9km2 significa que hai 0,15 trampas por km 2, dito doutro xeito: 100 veces menos trampas cas que seria recomendable si queremos combater realmente a esta especie invasora”, insiste Álvarez.

Dende o SLG pedimos á Consellaría do Medio Rural que se deixe de parabenizar por nada, e que de xeito inmediato -e xa indo moi tarde- faga un trampeo masivo e recomende encarecidamente a poboación galega que na colocación de trampas nas súas hortas, froiteiras, abellas etc.

Nos últimos anos, os milleiros de avisos, protestas e actos reivindicativos dos sectores máis afectados, conseguiron que a Xunta de Galicia dera un paso adiante e se puxera a facer dun xeito minimamente serio o trampeo de primavera onde se cazan as raíñas de Vespa Velutina (unha raíña capturada é un niño menos no verán). Lamentablemente semella que esta mesma presión social vai ser necesaria para que o Goberno galego non bote por terra o esforzo de milleiros de persoas que vivimos no medio rural para controlar esta especie invasora que ameaza a supervivencia dun ser vivo esencial para a produción de alimentos e o equilibrio da biodiversidade como son as nosas abellas.