ArquvoHeliberto

21/02/2025

Arquivada por falecemento a solicitude de axudas á dependencia de Heriberto (98). Modesta (95) leva catorce meses agardando resposta

Unha media de 30 persoas ao mes falecen na Galiza sen ver cumpridas as prestacións e axudas á dependencia xa concedidas. O SLG recorrerá o arquivo do expedente e imos esixir que se resolva e se lle abone a prestación de coidadora a que ten dereito

Segundo datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais, no noso país a cronificación dos atrasos na prestación das axudas e medidas debido á nefasta xestión da Lei de Dependencia por parte do Partido Popular de Galicia -que supera o ano de tempo de espera medio e sitúanos como a comunidade autónoma con menos porcentaxe de solicitudes malia ter a porcentaxe de grandes dependentes máis alta de todo o Estado- provocaron que entre xaneiro e outubro de 2024 máis de trescentas galegas e galegos morreran mentras estaban na lista de agarda.

Obviamente, durante a recta final da vida destas persoas as necesidades de coidados -e os gastos- acrecéntanse exponencialmente, sendo na inmensa maioría das ocasións asumidos polas familias, que afrontan en total soidade tanto este incremento dos custes económicos como daqueles que teñen que ver ca adaptación de horarios e dinámicas cotiás para atender a unha persoa dependente -practicamente na totalidade dos casos asumidos por mulleres-, e que a cotío implican a modificación de horarios laborais -ou o abandono mesmo do posto de traballo-, así como unha moi significativa carga emocional e física, que se ven engadir ás dificultades, preocupacións e sufrimento propio de coidar a un ou unha familiar nunha situación delicada de saúde que a fai dependente.

Precisamente no medio rural temos unha alta taxa de poboación maior, polo que é un territorio especialmente afectado por este abandono institucional. A principios do mes de xaneiro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fixo público o caso de Heriberto e Modesta, de 98 e 95 anos respectivamente, co que queremos pór cara e concretar as graves consecuencias que está a ter o desleixo da Consellaría dirixida por Fabiola García.

A súa solicitude cursouse en decembro do 2023, pero foron valorados case un ano máis tarde, en agosto do 2024. Heriberto faleceu o 8 de outubro de 2024. Levaba 10 meses agardando pola resposta da Xunta de Galicia. Que pasou a partir de entón? Ao igual que lle está a acontecer a centos de familias galegas nesta mesma situación, a Consellaría de Política Social e Igualdade remitiulles unha carta para informar do arquivo do expediente de este home de 98 anos “por imposibilidade material de continualo”, argumentando o falecemento da persoa solicitante.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas observamos con consternación a existencia dunha demora sistemática e masiva de expedientes de dependencia até que as persoas solicitantes falecen, momento no que si que aparecen de súpeto os servizos da Consellaría, pero para apresurarse a pór fin ao procedemento.

Dende o SLG consideramos que imposibilidade non hai ningunha, en agosto fíxose a visita e a Consellaría ten toda a información para resolver”, explica a vogal do Sindicato Labrego no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto. “Sería de xustiza que lle pagaran dende o momento da solicitude, é dicir, decembro do 2023, pero en todo caso polo menos o correspondente logo de transcorridos seis meses dende a realización da mesma. Imos recorrer ata onde sexa preciso, e como Sindicato imos poñer esta nova situación en coñecemento da Valedora do Pobo e levar este caso ao Consello Galego de Benestar Social. Ademais, a Modesta, de 95 anos e pasados 14 meses dende a súa solicitude, inda non lle respostaron nada. A que están agardando? A que morra para arquivar tamén o seu expediente?”.

Logo de anos de denuncias por parte das asociacións e persoas usuarias -ratificadas pola Valedora do Pobo-, nas que alertabamos dos déficits na aplicación da Lei de Dependencia, a finais do 2023 asistimos aos grandes anuncios por parte da Xunta e Política Social dun plan que ía reducir á metade as listas de agarda e o famosos 5.000 euros do Bono Cuidado. Naquel momento moitos colectivos alertamos de que estes anuncios tratábanse de propaganda e denunciamos a crecente privatización dos servizos.

A día de hoxe confírmase que non so no se reduciron as listas de agarda, senón que empeoraron, e da cacarexada medida estrela do bono coidado dos supostos 5.000€ unha das medidas precisamente solicitadas para Heliberto e que nunca se lle chegou a conceder malia estar así recomendado pola traballadora social.

Do que si que temos novas é da redución da asignación ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) -de carácter público- a favor das axudas e prestacións vinculadas para pagar servizos privados cando che denegan ou estás á espera do público, e a principios deste 2025 voltamos asistir a unha propaganda de anuncios similares, malia existir xa un cambio normativo no procedemento que aínda non estaba acabado de desenvolver.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos á Consellaría que contraten urxentemente os medios humanos e materiais precisos para que as persoas dependentes podan ver cumpridos os seus dereitos e ter unha vida digna, e reiteramos a solicitude de comparecencia de Fabiola García no Consello Galego de Benestar Social realizada en novembro do 2024, dado que a Conselleira semella estar eludindo enfrontar a interlocución cas organizacións sociais con representatividade neste órgano de participación social, a fin de tentar minimizar a atención dos medios de comunicación sobre unha situación que preocupa fondamente á sociedade galega.