mobilización incorporación

07/02/2025

ASEMBLEA e CONCENTRACIÓN en Lugo contra a denegación de incorporacións e plans de mellora

Mércores 12 ás 11.30h. asemblea no edificio sindical e ás 13h. concentración diante da Xunta de Galicia en Lugo. As labregas e labregos demandamos ampliación de orzamento e unha convocatoria xusta, plural e con fondos suficientes no 2025

Nestes momento existe alarma no sector produtor de alimentos debido á denegación masiva dos plans de mellora, que pon en entredito non só a viabilidade de centos de granxas senón a propia economía de milleiros de persoas. En canto tivemos coñecemento desta situación, dende o Sindicato Labrego Galego pedimos á Consellaría que se dotase o orzamento preciso para aprobar os plans de mellora e incorporación solicitados. A conselleira María José Gómez, que segue na súa liña de manterse invisible, non resposta.

Ata hai dous anos era inaudito que lle denegara un plan de mellora a un mozo ou moza que se incorpora. Cando por motivos de priorización son moitas máis granxas fóra das axudas que as que conseguen acceder a elas -434 expedientes viron denegados os plans de mellora fronte aos 180 aprobados- é obvio que a administración pública non está orzamentando correctamente un ámbito básico da súa actuación como é velar polo fomento da produción de alimentos para abastecer á cidadanía.

Isto tradúcese nunha falta absoluta de compromiso co sector no seu conxunto e, cas arredor de 500 granxas que se viron obrigadas a facer en moitos casos proxectos técnicos e asumir múltiples gastos neste último ano, nun abandono sen precedentes que moi probablemente terá efecto disuasorio en persoas que estean pensando en incorporarse á actividade agraria.

O 70% por cento das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. Fica claro que a Xunta de Galicia non se atopa nun escenario no que no que se poda permitir deixar fóra das convocatorias de incorporación e mellora a centos de persoas que cumpren os requisitos para acceder ás mesmas. É máis, precisamente estas persoas que, malia tódalas dificultades polas que pasa o sector primario, están dispostas a adicar a súa vida a algo tan esencial como é a produción de alimentos de proximidade, deberían ser apoiadas con consistencia.

Fronte a este absoluto desleixo, o SLG convoca ao sector a unha asemblea o vindeiro mércores 12 de febreiro, ás 11.30h. no salón de actos do Edificio Sindical de Lugo, con posterior concentración ás 13h. diante da Xunta de Galicia (Rda. da Muralla, 70), onde esixiremos o aumento de orzamento para resolver a convocatoria actual e unha convocatoria para o ano 2025 xusta, social, plural e con fondos suficientes.