
22/02/2025
Ciclo de conferencias: “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”
En colaboración coa Deputación de Lugo, dende marzo até a vendima o SLG desenvolverá un espazo de diálogo sobre esta Denominación de Orixe. O ciclo dará inicio o 7 de marzo afondando nas axudas da PAC vinculadas a reestruturación, reconversión e colleita en verde
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), en colaboración coa Deputación de Lugo, presenta o ciclo de conferencias “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” co obxectivo de, ante a ausencia de accións de apoio ás produtoras por parte da Consellaría do Medio Rural dirixida por María José Gómez, crear un espazo no que debater sobre o futuro do sector do viño nesta Denominación de Orixe (DO).
As palestras desenvolveranse en distintos concellos da Ribeira Sacra lucense desde o mes de marzo deica a vendima, dando inicio o venres 7 de marzo coincidindo co inicio da 42ª edición da Feira do Viño de Chantada.
Dada a situación que estamos vivindo na DO, consideramos fundamental achegar en primeiro termo información sobre aspectos que neste momento cobran especial relevancia: axudas, contratos, custes de produción, o mercado do viño tinto... Así, os dous temas cos que iniciamos este ciclo gardan relación coas axudas porque unha parte delas están a piques de convocarse -as que teñen que ver coa Intervención Sectorial Vitivinícola- e outras xa están convocadas -as que teñen que ver coa solicitude única da Política Agrícola Común-.
En horario de 16 a 19h., no local do Sindicato Labrego en Chantada (Rúa Emilia Pardo Bazán, 11-Baixo), o 7 de marzo encetaremos este espazo de posta en común abordando a Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV 2024-2027). Trátase de fondos da Política Agraria Común (PAC) que financian, entre outras intervencións, a reestruturación e reconversión de viñedo e a colleita en verde, que coñeceremos polo miúdo a través da intervención de Leticia Olasolo Viteri, Secretaria Técnica da Unión de Agricultores y Ganaderos de la Rioja (UAGR).
A denominación de Orixe da Rioxa ten territorio en tres comunidades autónomas, co que poderemos ver de que forma sea actuou en cada unha delas. Na da Rioxa, por exemplo, ante unha situación de crise semellante á da Ribeira Sacra, a finais de xullo foi publicada pola Consejería de Agricultura, Ganadería, Mundo Rural y Medio Ambiente da Rioxa a Orden AGM/54/2024, de 25 de julio, por la que se dictan las bases reguladoras para la solicitud de ayudas en "régimen minimis" para compensar los problemas de comercialización y la pérdida de renta de las explotaciones vitícolas acogidas a la DOCa Rioja, procedemento que reiteradamente vimos solicitando tamén á Consellaría do Medio Rural dende o Sindicato Labrego Galego.
Esta exposición será completada cunha análise e aplicación práctica das axudas da Política Agrícola Común para o viñedo da Ribeira Sacra, conferencia a cargo de Andrés Castro Ramos, Responsable Técnico do Sindicato Labrego Galego.
A segunda xornada do ciclo “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” terá lugar achegándose a vendima. Neste espazo abordaremos cuestións como a Lei de Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola, nomeadamente a obriga de formalizar nun contrato por escrito a entrega de uva ás adegas e o Modelo de contrato da Interprofesional do Viño. Tamén analizaremos que pasou cos contratos que estaban asinados no 2024 e que se incumpriron, aportaremos datos sobre a situación noutras Denominacións de Orixe con variedades tintas no Estado español, Portugal e Francia e debateremos sobre as distintas realidades que afrontan as microadegas, as adegas pequenas e as adegas grandes.
SOS Ribeira Sacra
No ano 2024 a crise de excedentes da Ribeira Sacra supuxo a inédita negativa da meirande parte das adegas a mercar a uva das pequenas e medianas produtoras da comarca. No mes de setembro, co sector en plenas mobilizacións, a Consellaría do Medio Rural rompeu a unidade sindical esixindo o fin das protestas a cambio dunha xuntanza cas organizacións agrarias.
O SLG, reiterando a solicitude de xuntanza ca CMR realizada dende antes da vendima, non cedeu á chantaxe da Consellaría -ao que esta reaccionou anulando unha xuntanza xa comprometida con nós- seguimos insistindo na necesidade de activar medidas de apoio directo ás persoas viticultoras, como si se fixo ca DO da Rioxa, e continuamos mobilizándonos ao pé do sector.
Finalmente, o 30 de decembro de 2024 a Consellaría publicou unhas axudas que discriminaban ás persoas produtoras a favor das grandes extensións de terreo, e que non chegaron a tempo para evitar que moitas viticultoras/es viran como as súas uvas podrecían por falta de saída ou foran obrigadas a vender a prezos de miseria, ademais de non supor ningún tipo de protección ante unha nova crise na Ribeira Sacra na vendima 2025.
Dende o SLG reiteramos que un plan para salvar á Ribeira Sacra, require dunha mesa de traballo na que tódolos axentes implicados podamos pór en común análises e propostas. Ante o inmobilismo da Consellaría do Medio Rural, agardamos que o ciclo “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra” forneza un espazo onde traballar solucións para esta denominación de orixe, cuxo valor esténdese moito máis aló da propia produción vitivinícola, sendo elemento esencial da configuración paisaxística da comarca e vertebrador de numerosas actividades económicas para a poboación local, que van dende o turismo ou a prestación de servizos especializados até a propia fixación de poboación neste territorio de singular valor cultural e medioambiental.