
06/02/2025
Concentración na defensa do sistema público de atención á dependencia
O luns 10 de febreiro en Santiago de Compostela
As organizacións Comisións Obreiras (CCOO), Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), todas elas integrantes do Consello Galego de Benestar Social (CGBS), convocan para este luns 10 de febreiro unha concentración dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.
Á solicitude realizada xa no mes de novembro do 2024 pedindo a comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García, nun pleno urxente do Consello Galego de Benestar Social, nestes día as organizacións convocantes vimos de solicitar tamén unha entrevista ca Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a fin de tratar, entre outros aspectos, as recentes modificacións recollidas na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, así como as emendas á mesma, as cales implican graves prexuízos tanto para o procedemento de recoñecemento das situacións de dependencia e discapacidade, como para as propias funcións do Consello Galego de Benestar Social.
De feito, pasado máis dun mes dende esta publicación das modificacións nas valoracións, as profesionais comunitarias -as dos concellos- non teñen información nin se reuniron con elas, aspecto que consideramos debe ser abordado ca máxima urxencia.
É totalmente intolerábel que a día de hoxe Fabiola García siga tentando eludir unha xuntanza na que afrontar as graves eivas na tramitación da Dependencia. Unha media de 30 persoas morren cada mes nas listas de agarda. A situación é insostíbel, inhumana. A conselleira non pode seguir agochándose. A precariedade do servizo é tal no noso país que Galiza ostenta a porcentaxe de solicitudes de Dependencia máis baixa de todo o Estado español: só 18 de cada 100 persoas dependentes a solicitan, desmotivadas pola falta de medios e continuas modificacións lexislativas.
Esta fonda irresponsabilidade vese agravada ademais pola tentativa da Consellaría de manipular a realidade do que está a pasar no servizo de Dependencia, suxerindo que un incentivo económico ás persoas que xestionan os expedientes pode alixeirar as listas, insinuando que as demoras poden deberse a unha mala praxe precisamente dunhas traballadoras e traballadores que están abafados de carga de traballo debido á falta de persoal nas equipas. Temos constancia pola nosa participación no Consello Galego de Benestar Social de que a Consellaría chegou a dispor de até sete equipos sen funcionar por culpa de non ter contratado persoal para os mesmos.
Resulta indignante tamén a publicación periódica en determinados medios de comunicación de publirreportaxes ensalzando o funcionamento da atención privada, as residencias ou a axuda a domicilio, ca que a Xunta tenta por un lado agochar as súas miserias e, por outro, lavar a cara á súa estratexia de privatización.
Polo tanto, ante a tentativa da Consellaría de evitar dar explicacións sobre as modificacións operadas en materia de Dependencia e as súas consecuencias -a día de hoxe seguimos sen ter resposta á solicitude de comparecencia da conselleira-, así como de eludir un debate público no Consello Galego de Benestar Social, CCOO, COTS e SLG-CCLL chamamos á cidadanía a secundar a mobilización deste luns 10 de febreiro ca que queremos denunciar e esixir poñer punto e final ao desleixo da administración pública nun tema esencial para a dignidade de todas as galegas e galegos como é a atención ás persoas con dependencia. Opoñémonos á precarización e privatización destes servizos, así como ao baleirado de competencias do propio CGBS. E insistimos: sen coidados non hai dignidade.