surexport1

17/08/2021

Contra a explotación e o espolio agroindustrial. SUREXPORT FÓRA DA GALIZA!

Dende mediados do pasado mes de xullo diversas organizacións galegas vimos articulando unha fronte común para denunciar as graves prácticas que a empresa SUREXPORT está a levar a cabo na Terra Chá. O mércores 18 de agosto iniciamos campaña de mobilizacións a pé de rúa para denunciar os abusos desta agroindustria.

Comprometidas ca urxencia de pór fin de xeito inmediato á escravitude agroindustrial que a empresa onubense de recolección de froitos vermellos SUREXPORT pretende instalar no noso país, MAÑÁ, MÉRCORES 18 de agosto, as organizacións ADEGA, Asociación Espazo Agroecolóxico “A Estruga”, Comisións Obreiras - CC.OO, Confederación Intersindical Galega - CIG, CS Madia Leva!, Central Unitaria de Traballadoras - CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega - FRUGA, Sindicato Labrego Galego - SLG, activistas da loita contra a megaminería, movementos sociais, veciñanza da zona, ex-traballadoras e veciñas/os da contorna onde se está a instalar esta agroindustria iniciaremos unha CAMPAÑA DE DENUNCIA A PÉ DE RÚA.

 

MÉRCORES 18 DE AGOSTO:

 

  • Ás 10.30h. xuntarémonos na Carballeira de Castro para proceder ao REPARTO DE MEDIO MILLEIRO DE PASQUÍNS INFORMATIVOS NA FEIRA DE CASTRO RIBEIRAS DE LEA (Castro de Rei, Lugo).

  • Ás 12.00h. convocamos CONCENTRACIÓN diante da sede de SUREXPORT en Castro de Rei (Lugo), onde serán proporcionadas DECLARACIÓNS AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN e informarase sobre a DENUNCIA que será rexistrada tamén o propio mércores 18 na SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO.

 

Dende mediados do pasado mes de xullo diversas organizacións galegas vimos articulando unha fronte común para denunciar as graves prácticas que a empresa SUREXPORT está a levar a cabo na Terra Chá. As testemuñas relatan presións constantes -dirixidas especialmente contra as persoas migrantes-, ameazas de despedimento se non se recollen “cantidades desorbitadas de arando en xornadas de 12 horas”, incumprimento das condicións salariais -as horas extra son pagadas a 6€ en lugar de a 12€-, amoreamento de traballadoras/es sen distancia de seguridade nin máscara durante a pausa da comida, limitación da remuneración do tempo de descanso a só 15 minutos ao día ou a escaseza de auga que dificulta ter unhas condicións hixiénico-sanitarias mínimas.

 

As prácticas nefastas desta empresa tamén se concretan na contaminación de aguas e solos vinculada ao seu modelo de produción agroindustrial, sustentado no emprego de abundantes produtos químicos, así como no acaparamento de terras agrarias para expandir o seus monocultivos, realizando competencia desleal, provocando o abandono da actividade agraria e acelerando o despoboamento do rural.

 

Fai unhas semanas, a posta en coñecemento da Consellaría de Emprego e Igualdade así como da Consellería de Medio Rural na Galiza da posible explotación laboral infrinxida por esta empresa orixinaria de Huelva e integrante dun potente conglomerado agroindustrial, coincidiu no tempo ca contundente denuncia realizada a nivel internacional por parte de observatorios dos dereitos humanos como Danwatch -que motivou a suspensión de contratos con cadeas de supermercados danesas-, e medios de comunicación como Politiken ou o portal de novas Al Jazzeera. Segundo datos da propia empresa, SUREXPORT acapara o sector da produción privada de froitos vermellos -framboesas, amorodos, arandos, moras-, con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español.

 

Contra a explotación laboral, o racismo e o espolio da Galiza

 

 

 



 




 



Contra a explotación e o espolio agroindustrial. SUREXPORT FÓRA DA GALIZA!