
11/04/2024
É urxente analizar a prevalencia 0 da tuberculose na Galiza: solicitamos entrevista co Delegado do Goberno
Malia ás solicitudes de xuntanza e mobilizacións en Ourense e Compostela, o Conselleiro négase a falar da tuberculose bovina. O PNETB e os protocolos de actuación dependen do Ministerio de Agricultura. Precisamos análise e reformulación de medidas
Ante a inexplicábel negativa da Consellaría do Medio Rural a reunirse co Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas para abordar a grave problemática do baleirado sanitario das granxas galegas, apelamos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación solicitando unha xuntanza co Delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco Lobeiras.
Se ben, como vimos insistindo dende o pasado mes de marzo, está na man da Consellaría do Medio Rural cuestións fundamentais para abordar esta situación, tales como a realización anual do saneamento gandeiro ou a capacidade de ampliar as subvencións para paliar o sacrificio de gando, dado que o conselleiro José González Vázquez oponse a falar co SLG da turberculose bovina na Galiza, e nin tan sequera traslada as demandas das gandeiras ao Ministerio nos espazos de interlocución directa dos que dispoñen a través mesas de traballo territoriais, exporemos nós mesmas esta problemática ao Goberno do Estado.
Xa que o Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina (PNETB) e os protocolos de actuación asociados ao mesmo dependen do Ministerio de Agricultura, a Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Vilalba, vén de solicitar esta xuntanza a fin de analizar o marco no que se están a desenvolver as medidas asociadas á declaración de prevalencia 0 na Galiza.
Na mesma queremos abordar a posibilidade de recuperar o saneamento anual para a cabana gandeira (que ca desculpa da prevalencia 0 a Consellaría do Medio Rural está adiando até en tres anos), así como a definición de protocolos que subsanen a contradición de que en territorios coma o noso se estean a practicar sacrificios masivos de animais sans sen realizar probas de confirmación da enfermidade cando existe un positivo na granxa, mentras que en comunidades autónomas limítrofes, onde a prevalencia é maior, só se eliminan os animais contaxiados. Asemade, consideramos moi importante revisar os actuais criterios de valoración da compensación económica no caso de ter que realizar o sacrificio dos animais.
“Logo do caso da granxa de Palleirós e doutros similares, estamos xa nun punto no que comezamos a preguntarnos se a declaración de zona libre de tuberculose non será un pouco ficticia, estando demostrada a existencia da enfermidade en poboacións da fauna salvaxe e existindo un trasvase de animais a Galiza dende outras zonas do territorio estatal con maior afección de tuberculose” -expresa Isabel Vilalba. “A única beneficiada ca catalogación de prevalencia 0 é a Xunta de Galicia, que así ten desculpa para facer o saneamento gandeiro cada tres anos en lugar de anualmente, obviando que se algo nos levou a este punto foi precisamente o bon facer das granxas e o control continuado da cabana gandeira. É intolerábel que a prevalencia 0 sexa utilizada pola Consellaría do Medio Rural para forzar un adiamento das campañas de saneamento e, polo tanto, do control minucioso e precoz da cabana gandeira, pero logo cando hai un positivo maten tódolos animais que hai na granxa. Pensamos que hai bastante marxe para facer as cousas mellor, o Conselleiro debería facer un exercicio de reflexión e pór fin á negativa da Consellaría a falar do tema, actitude que ademais é absolutamente improcedente nunha administración pública, que precisamente está para atender á cidadanía en xeral e ás organizacións interlocutoras dos distintos sectores en particular ”.
Tamén trasladaremos ao Delegado do Goberno na Galiza a batería de medidas decididas en asemblea en Palleirós o 15 de marzo, xa que consideramos que sería unha moi eficaz folla de ruta para superar as inxustas incongruencias da situación actual, redundando nunha mellora do saneamento gandeiro no noso país e acougando a crecente preocupación nas granxas galegas ante novos baleirados sanitarios e posibles peches de explotacións.