Existe a CMR?

26/06/2024

Existe a Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia?

Hoxe remata o prazo de alegacións ao RD de Puríns pero non consta que a CMR trasladara as especificidades galegas. Malia que a través dos medios as administracións afirman que se poderá adaptar a norma, están chegando sancións ás granxas

O prazo para presentar alegacións ás modificacións que propón o Ministerio do RD 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas para a nutrición sostibles dos solos agrarios, remata hoxe. E como denunciamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, agás sorpresa de ultimísima hora, a Consellaría do Medio Rural non garantiu a incorporación das especificacións propias das granxas galegas.

Precisamente o Real Decreto de Nutrición Sostible dos Solos Agrarios, o que en Galicia coñecemos como o Real Decreto dos Puríns, é unha das normativas que máis nos afecta ás persoas gandeiras galegas. No resto do Estado é un Real Decreto que non lles preocupa o máis mínimo, dado que a maioría son agricultores e agricultoras que fertilizan con fertilizantes químicos. Pero a realidade galega é outra, aquí hai moitas gandarías de carácter familiar, que non son capaces de cumprir este Real Decreto en cuestións como a maquinaria a introducir, o plan de abonado, o plan de fertilización, o asesor de fertilización, etc.

Desde o SLG presentamos alegacións ao Ministerio porque o texto segue practicamente igual que estaba. E preguntámonos que foi do anuncio na prensa do mes de marzo da Consellería, falando de que "Medio Rural autorizará o plato invertido para a aplicación do xurro". Fixo algo a Consellería neste sentido? No SLG entendemos que a Consellería ten que recoñecer esta técnica -ou outra que nos sirva- e demostrar que ten unha eficiencia semellante á hora de reducir as emisións de amoniaco.

Urximos á CMR a aclarar se realizou este trámite ou se segue todo como estaba, porque a inacción administrativa sáenos moi cara as gandeiras e gandeiros. A día de hoxe xa temos unha granxa con notificación por utilizar o sistema de abanico. Na mesma advírteselle que desde o 01/01/2024 está prohibida a aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abanico ou por canón, o que implica que estas gandeiras poden ter dende un primeiro apercibimento até unha multa de entre 600 a 1.000€.

E dado que a proposta do Ministerio está como segue a continuación, esta granxa nestes momentos ten moi poucas posibilidades de eludir este primeira notificación por sanción:

Prohíbese a aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abanico e por canon, agás nos seguintes casos: (en negriña os cambios incorporados á proposta orixinal)

a)Nos recintos con pendentes medias superiores ao 10% ou de superficie inferior a media hectárea cando non sexan lindeiras con outros recintos da mesma granxa.

b) Na explotación enteira cando os recintos con pendentes medias superiores ao 10% supoñan máis da metade da superficie total da explotación ou cando a superficie dos recintos con pendentes medias iguais ou inferiores aos 10% non supere as dúas has. Neste cálculo non se imputarán as superficies que correspondan polo emprego mancomunado de pastos.”

“Cando a Consellaría non cumpre cas súas responsabilidades no traslado das demandas e necesidades das persoas produtoras de alimentos na Galiza, nin no tocante á interlocución co Ministerio nin ao diálogo cas organizacións agrarias -a día de hoxe a nosa petición de xuntanza ca nova Conselleira segue sen resposta-, agrava a vulnerabilidade das granxas galegas, xa de por si nunha situación de incertidume considerable” -advirte a gandeira e especialista en Política Agraria Común Ana Rodríguez-. “Non se entende que a nova Conselleira leve meses desaparecida. Que non quera falar cas organizacións agrarias. Que non faga o seu traballo co Ministerio. Dende o SLG estamos comezando a preguntarnos se a Consellaría do Medio Rural vai ser real ao longo desta lexislatura ou só unha área administrativa que funciona unicamente a nivel de organigrama da Xunta de Galicia. Dende logo a praxe destes últimos meses pode calificarse, canto menos, de falta total de respecto cara o sector primario galego”.