
26/09/2023
Isabel Vilalba: “Para garantir o acceso a unha alimentación sa e de calidade precisamos moitas persoas labregas en tódolos territorios”
A Secretaria Xeral do SLG-CCLL participou hoxe no Consello Económico e Social Europeo en representación da CEVC. Vilalba reiterou que as actuais políticas agroalimentarias da UE son contrarias á consecución do dereito á Soberanía Alimentaria
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Isabel Vilalba Seivane, participou na mañá de hoxe na sesión do Comité Económico e Social Europeo (CESE) en representación da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC). Baixo o título "Soberanía alimentaria europea: o papel da agricultura, a pesca e os consumidores", esta reunión extraordinaria do Grupo de Organizacións da Sociedade Civil do CESE tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O dereito á Soberanía Alimentaria -presentado oficialmente polo movemento labrego internacional La Vía Campesina no Cumio Mundial da Alimentación celebrado pola FAO en Roma no ano 1996 como alternativa ás políticas neoliberais-, fai referencia ao dereito dos pobos, comunidades e países a definir as súas propias políticas agricolas, pastorís, laborais, de pesca, alimentarias e agrarias de xeito que sexan ecolóxica, social, económica e culturalmente axeitadas ás súas circunstancias exclusivas.
A diferencia de conceptos como o de "seguridade alimentaria" ou “autonomía alimentaria”, a soberanía alimentaria non se limita a garantir o volume de alimentos necesarios para unha determinada poboación, senón que esixe dunhas políticas agroalimentarias baseadas na xustiza social e de xénero e adopta o modelo produtivo agroecolóxico.
Isabel Vilalba Seivane, en calidade de membro do Grupo de Traballo sobre Políticas Europeas da Coordinadora Europea de Vía Campesina (ECVC), participou na mesa “Respostar a escala europea: encontrar solucións en asociación” canda o director xeral de Europêche, Daniel Voces de Onaindi; o Secretario Xeral de COPA-COGECA, Pekka Pesonen e o director de Asuntos Públicos e Relacións cos Medios de Euroconsumers, Marco Pierani.
As intervencións estruturáronse arredor de catro cuestións: valorar se o modelo de produción agraria e pesqueira no contexto da Axenda 2030 garante a autonomía alimentaria da UE, se esta é unha prioridade para as autoridades europeas, a cuestión do relevo xeracional e o encaixe dunha agricultura minifundista e familiar nun mercado globalizado.
No primeiro punto a Secretaria Xeral do SLG fixo fincapé no acelerado peche de granxas que as propias políticas europeas provocaron nas últimas décadas: “Se hai algo que garante o acceso á alimentación sa e saudábel é precisamente o feito de que haxa moitas labregas e labregos en tódolos territorios producindo alimentos.”
Canda a necesidade de aumentar o número de granxas pequenas e medianas no territorio europeo, afastándonos do contaminante modelo de macrogranxas, Seivane tamén argumentou a pertinencia de establecer mecanismos que permitan fornecer alimentos ecolóxicos á poboación a prezos accesíbeis.
No tocante a sostenibilidade medioambiental, lembrou que actualmente a UE adica 116 mil millóns de euros á importación de alimentos. Esta estratexia comercial implica, por unha banda, un aumento das emisións de efecto invernadoiro, en detrimento polo tanto dos obxectivos de redución deste tipo de gases contaminantes. Por outra, apuntou, “débese de garantir con seriedade que estes alimentos cumpren cos estándares de calidade da UE”.
Unha cuestión clave para abordar esta necesaria redución emisións no sector agroalimentario é a relocalización da produción de alimentos. En Galiza, ilustrou Vilalba, un estudo realizado nos últimos anos revelou que os alimentos importados percorrían unha media de 3.000km, “o cal en termos de enerxía consumida e emisións é dramático; precisamos políticas para camiñar cara unha agricultura moito menos dependente de combustibles fósiles”.
A representante da CEVC aproveitou tamén este turno de intervención para demandar un debate sólido sobre o actual emprego de pesticidas en territorio europeo, que conte con investigacións científicas independentes. O tratamento que a UE está a facer do glifosato, exemplificou, onde as institucións comunitarias seguen sen adoptar unha posición de alerta e precaución fronte aos datos que advirten do seu potencial canceríxeno, non se corresponde co alto grao de responsabilidade requerido no deseño de políticas agroalimentarias.
Continuando nos aportes que o modelo de pequenas e medianas granxas realizan en materia de sustentabilidade ambiental, Vilalba subliñou que “a mellor garantía para a sostenibilidade ambiental é que haxa sostenibilidade económica”, para o que “é imprescindíbel rematar ca especulación, tanto dos insumos precisos para a produción agraria como dos alimentos que finalmente son proporcionados á cidadanía”.
Nesta mesma liña, se a UE quere ser autónoma a nivel alimentario, é determinante a protección das terras agrarias destinadas á produción de alimentos. “A día de hoxe na Galiza temos tan só un 12% de terras de cultivo, estando unha parte importante das mesmas adicadas á alimentación animal”, explicou Isabel Vilalba. Esta protección do territorio e a súa disposición cara a produción de alimentos debe de ser preferenciada de xeito sólido, establecendo mecanismos que eviten por exemplo o seu acaparamento para a construción de polígonos industriais enerxéticos. “A transición ecolóxica ten que ser xusta, non pode disputarse o territorio que deberíamos estar adicando a unha cuestión esencial como é a produción de alimentos, nin tampouco basearse na concentración de infraestruturas enerxéticas en “territorios de sacrificio”, como está a pasar en Galiza”.
Con respecto a se a UE está a priorizar o que as propias institucións comunitarias denominan “autonomía alimentaria”, a Secretaria Xeral do SLG deixou claro que o actual escenario comercial avanza na dirección contraria. “Unha das cuestións con máis peso dentro das políticas agroalimentarias europeas actuais é proporcionar materias primas baratas a baixo prezo; isto combínase con regras de competencia que amparan os beneficios das grandes corporacións e ignoran os indicadores de benestar social; tamén asistimos á negociación de acordos de libre comercio sen transparencia e de costas á cidadanía, con cuestionable representatividade democrática”. Asemade, a orientación das axudas da Política Agraria Común (PAC) cara o apoio das producións intensivas é totalmente contraditorio se a UE quere garantir a súa autonomía alimentaria, para canto máis se ao que aspira é á Soberanía Alimentaria, que ao apoiarse nun modelo agroecolóxico é totalmente contraria á intensificación produtiva.
No tocante á cuestión do relevo xeracional do campesiñado europeo, Vilalba directamente valorou que “é unha cuestión que non foi tomada en serio polas institucións, malia a seren perfectamente conscientes do avellentamento da poboación labrega en tódolos países membro”. No caso de Galiza, explicou, mesmo unha cantidade importante de persoas mozas que recentemente fixeron a solicitude para se incorporar á actividade agraria non puideron levala a cabo porque a administración pública non dotou estas partidas dos fondos necesarios. “Cómpre unha revisión completa dos programas de incorporación, a PAC está discriminando á mocidade. As condicións para a xente nova, as persoas por conta propia ou asalariada teñen que ser xustas, non podemos permitir prácticas que en moitas ocasións van en contra dos dereitos sociais e humanos. Temos persoas novas que se queren incorporar e axudas que non chegan; ao mesmo tempo, nalgúns países a renda agraria está moitas veces ao 50% da que existe noutros sectores profesionais. Para que exista un relevo xeracional, as futuras labregas e labregos precisan unha garantía de rendas dignas e mecanismos efectivos para garantir estes ingresos.”
Esta incorporación, abondou a representante da CEVC, tense que enmarcar nun modelo agroecolóxico de produción de alimentos, que teña en conta os límites biofísicos do planeta. “Non podemos comprometer xa o crédito ecolóxico das xeracións futuras, nin das poboacións doutros países.”
Con respecto ao encaixe dunha agricultura minifundista e familiar nun mercado globalizado, Vilalba lembrou que “na actualidade a media das granxas europeas está nas 10ha., e contamos xa con datos que confirman que son as máis resilientes e as que mellor funcionan para garantir os circuitos curtos de distribución que esixe a emerxencia climática”. Neste sentido, completou, “temos que alertar sobre os problemas que para este tipo de granxas está a ter a dixitalización á que nos está obrigando a UE, que se está a facer de xeito excluínte, ignorando que temos unha cantidade importante do sector con máis de 60 anos, así como que o feito de incrementar a burocracia das granxas dificulta de maneira diferenciada o desenvolvemento das tarefas produtivas das que teñen unha dimensión media ou pequena”.