demandamos xustiza na seguridade social

06/03/2010

Labregas por unha seguridade social asequíbel e con coberturas dignas

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, reunida en Ribadeo coa presenza de case duascentas labregas procedentes de todos os sectores produtivos do país, amosa a súa preocupación polo anuncio da suspensión do Servizo Galego de Promoción da Igualdade (SGI) feita pública no día de onte e motivada supostamente por razóns económicas.

É precisamente nestes momentos de crise, nos que tódalas persoas temos que facer fronte a unha situación especialmente difícil, cando máis importante é manter e ampliar as medidas de apoio ás mulleres.

 

As mulleres non somos as culpábeis da mala praxe económica que nos levou á situación actual, mais quen si o foron -entidades bancarias, políticas neoliberais, etc- son agora protexidos á costa dos nosos dereitos conqueridos logo de moitos anos de loita.

 

Resúltanos canto menos sorprendente que atopándonos tan lonxe da consecución dunha igualdade real non somentes non se creen novos apoios para as mulleres, senón que mesmo sacrifícase a estabilidade dos xa existentes, anunciándoo sen complexo algún nas datas nas que cumprimos cen anos da declaración do 8 de marzo como Día das Mulleres.

 

Esta medida, na tónica da recente proposta de ampliación da idade de xubilación e da esixencia de máis anos cotizados para acceder ás pensións, provoca que os colectivos que a nivel económico se atopan con máis dificultades aumenten na súa precariedade.

 

VII Encontro da Secretaría das Mulleres.

 

A loita pola igualdade diante das prestacións da Seguridade Social de cara a recoñecer o traballo das mulleres nas explotacións, foi o xermolo nos anos noventa do que hoxendía coñecemos como Secretaría das Mulleres do SLG.

 

Na actualidade, as labregas e labregos cotizamos entre corenta e corenta e cinco anos de media, mais sen embargo cobramos prestacións un 45% máis baixas.

secmulh

Mobilizámonos na mañá de  hoxe en Ribadeo para visibilizar a nosa demanda de xustiza nos servizos sociais. Concentración diante da oficina da Seguridade Social. 

 

 

Atopámonos coa situación de que cando unha muller ten unha pequena explotación, maiormente orientada ao autoconsumo ou con unha porcentaxe pequena orientada á venta, son cuestionadas continuamente na súa profesionalidade por parte dos criterios de cotización da Seguridade Social alegando que non son “viábeis”, obviando a importante achega social que realizamos.

 

A muller rural, que coida o territorio, conservou as sementes, e leva adiante a súa vida sen os apoios no tocante a servizos que poden ter as mulleres das cidades, somos tratadas logo como se foramos fraudes á Seguridade Social.

 

Nos últimos cinco anos as labregas percibimos un 44,32% de aumento ma cotización á seguridade social con dereito á baixa. Folga dicir que este aumento na cotización non se viu correspondido cun aumento dos prezos que o percibimos polos nosos produtos, situando a moitas mulleres na tesitura de ter que deixar de cotizar.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego afirmamos que a discriminación das labregas nas cotizacións á seguridade social inspírase na falla de valoración do nosos traballo.

 

secmulh