12f

12/02/2025

Mobilización en Lugo e batería de medidas fronte á denegación masiva de plans de incorporación e melloras

O orzamento para 2024-2027 case nin abarcaría as axudas ao 74% de granxas que quedaron fóra na convocatoria deste ano. O 70% de titulares de granxas xubilaranse nos vindeiros anos pero a previsión é que só se cubra o 5% destes abandonos

Ante a recente denegación masiva de incorporacións e plans de mellora que pon en entredito non só a viabilidade de centos de granxas galegas, senón a propia economía de milleiros de persoas labregas no noso país, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convocou na mañá de hoxe en Lugo unha asemblea no Edificio dos Sindicatos e concentración posterior diante da delegación da Xunta de Galicia en demanda dun aumento de orzamento para resolver a convocatoria actual e unha convocatoria para o ano 2025 xusta, social, plural e con fondos suficientes.

O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. Lonxe de asumir e xestionar este escenario, a Consellaría estableceu unha dotación tan sumamente baixa para as axudas de incorporación e plans de mellora que son moitas máis granxas fóra das axudas que as que conseguen acceder a elas: 434 expedientes viron denegados os plans de mellora fronte aos 180 aprobados.

Non se entende que de 704 solicitudes de plans de mellora só aprobaran 180, deixaron o 74% fóra. Case 2 de cada 3 granxas que pediron o plan de mellora quedaron sen el porque a Consellería de Medio Rural non foi quen ou non tivo vontade de facer un orzamento acorde ás necesidades reais das labregas de todos os sectores, cuestiona a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane. “É algo inaudito que por primeira vez se lle denegue un plan de mellora a unha moza ou a un mozo que se incorpora”.

A situación empeora se temos en conta os datos da axuda para plans de mellora vinculados á mitigación do cambio climático, liña por onde moitas granxas pretendían adaptarse ás normativas vixentes en relación ao cambio climático, como pode ser a construción de esterqueiras ou fosas do purín... Moitas granxas pretendían adquirir por esta liña adaptadores para cisternas, para adaptarse á nova normativa para a aplicación de puríns que, a día de hoxe, e nunha mostra máis de incompetencia da Consellería de Medio Rural, a pesares de anunciar que se ía autorizar o prato invertido, arestora aínda non se contempla esta posibilidade.

Fronte a este patente desleixo por parte da Xunta de Galicia, logo da mobilización celebrada hoxe en Lugo rexistramos a seguinte batería de medidas dirixidas á Consellaría do Medio Rural a activar para corrixir a denegación masiva de axudas de incorporación e mellora ás arredor de medio milleiro de granxas ás que lles foron denegadas malia cumprir os requisitos, así como para garantir unha convocatoria 2025 xusta, social e plural:

  1. CONVOCATORIA INMEDIATA DAS AXUDAS PARA O ANO 2025. Demandamos con carácter de urxencia se convoque a convocatoria do ano 2025, que se abran todas as liñas e con orzamento suficiente.

  2. ACTIVACIÓN DOS MECANISMOS NECESARIOS PARA DENDE XA DOTAR TODAS AS LIÑAS DO ORZAMENTO NECESARIO PARA QUE NINGUNHA GRANXA DURANTE O PERÍODO 2025-2027 QUEDE FÓRA DAS AXUDAS. Vemos con moita preocupación como os fondos que prevé gastar a Consellería de Medio Rural nos próximos 3 anos é totalmente insuficiente. Para facernos unha idea: no 2024 gastaron nos plans de mellora 25 millóns de euros que foron parar a 180 granxas e quedan para o resto do período 42 millóns de euros. Se botamos contas o orzamento que fixo a CMR para os anos 2024-2027 case non cubriría para conceder a axuda ás 434 granxas que quedaron fóra este ano malia cumprir os requisitos.

  3. CAMBIOS NOS CRITERIOS PARA A CONCESIÓN. Unha incorporación ten que contar sempre cos puntos asignados para tal fin. Non pode ser se repita a situación de 2024, onde moitas sociedades familiares que incorporaron o fillo ou filla non se lle tivo en conta esta incorporación.

  4. LIMITACIÓN DAS AXUDAS A PERCIBIR.Hai que garantir que a totalidade de granxas teñen os mesmos dereitos. Non pode ser que entre dúas granxas coas mesmas condicións de produción, sistematicamente unha perciba 300 mil € de axuda pública e outra 0€. Trátase dunha distorsión e dunha desigualdade de oportunidades moi grande entre granxas. Hai que garantir que todas as granxas teñan acceso a estas axudas.

  5. CREACIÓN DUN COMITÉ DE SEGUIMENTO ESPECÍFICO PARA ESTES PLANS. Estamos fartas da opacidade e caciquismo da Consellería de Medio Rural, de que se nos oculten datos, de que a única política da Consellería sexa mirar como afogarnos cada día máis. As labregas e labregos queremos ter voz e queremos saber de primeira man como se xestionan os nosos fondos. Estamos fartas de atoparnos con sorpresas día si e día tamén e dunha Consellería que trata de ocultarnos a realidade.

Dende o SLG denunciamos a falta absoluta de compromiso por parte da Consellaría do Medio Rural co sector no seu conxunto e, nomeadamente, cas arredor de 500 granxas que se viron obrigadas a facer en moitos casos proxectos técnicos e asumir múltiples gastos neste último ano. Reiteramos que esta estratexia de abandono administrativo sen precedentes, de non ser correxida de contado, moi probablemente terá a grave consecuencia de causar un efecto disuasorio en persoas que estean pensando en incorporarse á actividade agraria.