
20/02/2024
Mobilizacións conxuntas 20F: NA DEFENSA DO AGRO GALEGO
Manifestacións e tractoradas en Lugo, Ourense, A Coruña, Compostela, Lalín, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña e Pedrafita. Entre as demandas: prezos xustos, racionalización da burocracia esixida ás granxas, cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria
Dende as 12h de hoxe e até as 17h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA) desenvolveron mobilizacións con presenza de tractores en Lugo, Ourense, Lalín, Compostela, A Coruña, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña e Pedrafita [IMAXES: https://www.dropbox.com/scl/fo/2svpw9wsg103pujxogjq0/h?rlkey=0pbz4fyz3e2onm5h116mrlpfv&dl=0 ].
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, a gandeira de vacún de leite e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Vilalba, participou na tractorada convocada en Lalín.
Con estas tractoradas o agro galego demanda ás administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo a activación urxente de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea, entre outras accións.
En tódolos puntos de mobilización procedeuse á lectura dun manifesto final e fíxose entrega ás administracións públicas da seguinte táboa reivindicativa:
1- Prezos xustos para os nosos produtos. Eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e dos produtores, e mecanismos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.
2- Rexeitamento dos tratados de libre comercio (Mercosur), que poñan en perigo as nosas producións, e priorizar as nosas producións fronte a terceiros países que comercializan coa UE.
3- Eliminar a burocratización que nos asfixia:
Caderno Dixital
Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas
Decreto de Fertilización Sostible de solos
4- Adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.
5- Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.
6- Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector, para unha maior sostenibilidade nas explotacións.
7- Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos.
8- Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.
9- Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo...), e do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.
10- Creación da figura da persoa mediadora na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.
MANIFESTO
Hoxe agricultoras, agricultores, gandeiras e gandeiros de toda Galicia e doutras comunidades da Cornixa Cantábrica saímos á rúa. Igual que estamos a facer nós hoxe aquí, compañeiros e compañeiras de distintas vilas e cidades galegas, asturianas, cántabras e vascas mobilízanse nestes momentos para visualizar o malestar existente e reclamar solucións aos problemas que nos afectan. Se non tiñamos xa abondo con lidiar con prezos baixos para os nosos produtos e custos de produción polas nubes, dende Europa, Madrid e a Xunta chegan nos últimos meses novas esixencias que a moitas de nós vannos condenar ao peche. Requirimentos imposibles de cumprir, que enlean aínda máis o noso día a día con burocracia e trámites que nada aportan á calidade das nosas producións. Máis papeleo, novas ferramentas dixitais ou a obriga de mudar o noso modo de traballo empregando nova maquinaria, tan cara como imposible de adquirir neste momento.
Estamos fartas e fartos de ver como día si e día tamén se segue incumprindo a Lei de Cadea Alimentaria. De comprobar que os cambios lexislativos apenas pasan de boas intencións, pois non se acompañan das ferramentas, orzamento e mecanismos necesarios para facelos cumprir, como a incorporación da figura do mediador á negociación colectiva de contratos ou a posta en marcha de Observatorios de Prezos e Custos que establezan liñas vermellas para erradicar a venda a perdas. Así como permitir que empresas sancionadas poidan seguir percibindo axudas públicas.
Estamos fartas e fartos de ver como as administracións van botando balóns no tellado alleo; recoñecendo os problemas do campo pero facendo pouco ou nada por solucionalos e trasladando a responsabilidade de institución en institución, sem asumir competencias propias nin facilitar a vida das persoas que viven do agro galego.
Fartas e fartos de vernos sempre colocados no ollo do furacán: constantemente sinalados por culpa dun cambio climático e duns problemas ambientais, culpa doutras actividades industriais e modelos de produción agresivos co medio e coas persoas; obrigados a adaptarnos para ser cada vez máis eficientes e sustentables pero nunca premiados: nin co recoñecemento polo esforzo de adaptación que constantemente desempeña o sector, nin cun salario digno acorde coas subidas do nivel de vida e do salario mínimo que houbo en todos os sectores e acordes ao incremento dos custos que eses esforzos nos supoñen.
Fartas e fartos de ver como mentres os agricultores e gandeiras galegas nos esforzamos por adaptarnos a requirimentos ambientais, de benestar animal ou sanitarios cada vez máis estritos co obxectivo de poñer no mercado alimentos seguros, sustentables e da máxima calidade, vemos ese mesmo mercado inundado con produtos de países extracomunitarios aos que non se lles esixe o cumprimento desas mesmas normativas. Prácticas amparadas baixo de tratados de libre comercio tan perxudiciais para a nos agricultura tradicional e familiar, como para a dos países de orixe onde a produción agroindustrial destrúe as pequenas producións locais.
Fartas e fartos de vernos abafados pola entrada en vigor de novas normativas que aumentan
a carga burocrática e os custos de produción das granxas e que nada aportan: nin en materia de seguridade nin de benestar animal. Máis papeleo e esixencias deseñadas desde despachos totalmente afastados do noso día a día que se impoñen sen ternos en conta: nin as nosas necesidades nin a nosa realidade.
Estamos continuamente baixo a mirada sancionadora de administracións frías e lonxanas, que deberían ter unha función facilitadora e de axuda para resolver problemas, dúbidas erros. Pola contra a sanción é a opción escollida para orientar o noso traballo.
Estamos fartas e fartos de de ver como dende Bruxelas, e co desleixo dos gobernos de Madrid e da Xunta, chégannos esixencias cada vez máis estritas e que requiren esforzos en ocasións imposibles. Máis obrigas e maiores obstáculos para acceder aos fondos dunha Política Agraria Común que non está a ter en conta a realidade e as necesidades do sector produtor, e que debe ser repensada.
Fartas e fartos de discursos baleiros sobre a loita contra o despoboamento e a necesidade de impulsar o relevo xeracional. Que mozo ou que moza vai querer incorporarse a un sector no que os prezos seguen a ser impostos de xeito unilateral polas industrias? Un sector que non lle garante sequera o salario mínimo e que, para máis inri, require dun proxecto de vida nunha contorna vítima do abandono das institucións. Porque agricultores e gandeiros non queremos ser heroes: queremos vivir dignamente e con calidade en vilas e aldeas ben conectadas e con servizos públicos e de proximidade. Nin máis nin menos que outro cidadán calquera.
Sen embargo aquí estamos, loitando por manternos a fronte e cargando con responsabilidades de toda a sociedade, como o custo económico das políticas de conservación. A realidade da Cornixa Cantábrica no que a presenza do lobo se refire nada ten que ver coa doutras zonas de España. Pero as administracións resístense a tela en conta para garantir unha convivencia axeitada entre esta especie e a actividade agrogandeira. O que pedimos é simple: queremos gobernos que tomen as rendas e se responsabilicen do que lles compete, deseñando e impulsando plans de xestión da fauna salvaxe realistas e efectivos, que teña en conta tanto a situación e as necesidades de conservación das distintas especies, chámese xabaril, lobo ou corzo, como a realidade do sector produtor que conviven con elas. Porque agricultores e gandeiros non podemos seguir asumindo o custo das políticas de conservación nin do desleixo das administracións, que teñen a obriga de habilitar orzamento suficiente para garantir a cobertura da totalidade dos danos causados pola fauna salvaxe. E tamén de actualizar os importes das indemnizacións para que cubran tanto o prezo actual de mercado dos animais atacados como o lucro cesante; algo que non está a acontecer.
Precisamos administracións comprometidas coa rendibilidade e o futuro do sector produtor: que aposten pola recuperación e protección da terra agrícola e nos presten os apoios necesarios para facer fronte a novos retos relacionados coa mudanza climática ou coa aparición de novas doenzas e pragas , como a EHE o verme defoliador, a velutina ou a flavescencia dourada.
Administracións que non nos deixen na estacada e comprometan orzamento suficiente para garantir o mantemento da actividade agrogandeira: para que ningunha solicitude de produción en ecolóxico, agroambiente, mellora ou incorporación quede sen atender por falla de fondos.
Administracións que nos acompañen apostando pola investigación e o apoio ás explotacións
no camiño cara un modelo produtivo cada vez máis sostible, pero non por elo menos rendible. Que non dean cunha man para quitar coa outra e que manteñan estables axudas indispensables para o sector, como a redución do prezo do gasóleo agrícola profesional.
Administracións que miren tamén polo produto local, os mercados de proximidade, a compra pública de alimentos de proximidade para comedores públicos, colexios, hospitais, residencias. Achegando a máxima calidade dos mellores produtos ás persoas que máis queremos e máis o necesitan.
Precisamos administracións realistas: que non deseñen políticas dende despachos, que nos escoiten, non entendan e nos atendan. Que entendan que o futuro non pode deseñarse sen ter en conta o presente, e que garantir o acceso da poboación a alimentos seguros e de calidade pasa por ter en conta a realidade e as necesidades do medio rural que os produce.
Por iso todo isto as organizacións agrogandeiras temos impulsado unha fronte común e por iso saímos hoxe á rúa. Pero a loita non está só aquí: está nos despachos dos que depende o noso presente e o noso futuro. Pero que ninguén teña dúbida: se non se nos escoita e se as negociacións que xa temos iniciado coas distintas administracións non avanzan, non imos quedar parados. O de hoxe é o comezo, e non desistiremos ata acadar as melloras que o sector produtor precisa.
Arquivo: Declaracións Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL