
10/02/2025
Na defensa do sistema público de atención á dependencia. Mobilización en Santiago de Compostela
As organizacións Comisións Obreiras (CCOO), Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), todas elas integrantes do Consello Galego de Benestar Social (CGBS), levamos adiante na mañá de hoxe unha concentración dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.
Recollemos a continuación o MANIFESTO trasladado na mobilización:
Estamos aquí hoxe porque o Goberno da Xunta de Galicia, aprobou de forma unilateral unha reforma da Lei 13/2008 de servizos sociais que reduce o dereitos dos galegos e as galegas aos mesmos.
Este goberno fixo esta reforma pola porta de atrás, aproveitando a Lei de Acompañamento aos Orzamentos, para evitar así a consulta e participación dos axentes sociais.
Para tal importante cambio non se convocou o Consello Galego de Benestar Social, ao que nesta batería de cambios aproveitou para deixar sen competencias, malia ser o órgano consultivo e de participación en materia de servizos sociais.
Dende o 3 de xaneiro de 2025 unifícanse as solicitudes de dependencia e discapacidade. Eliminando as valoracións profesionais e convertendo este trámite nun acto administrativo. O que significa un ataque aos dereitos da cidadanía a ter uns servizos sociais dignos e de calidade.
Con esta reforma, as solicitudes poderanas facer as persoas usuarias ou entidades de carácter lucrativo. Provocando a desigualdade no acceso aos recursos.
Os servizos sociais son o sistema que protexe as persoas máis vulnerables, e a única forma de garantir a igualdade no acceso aos recursos e prestacións é ter un sistema público.
Toda esta reforma, non é máis que unha privatización do sistema, de xeito encuberto. Están a volver a enganar á poboación. Agora din que van a resolver as solicitudes en 6 meses, cousa que xa estaba recollido na Lei que así tiña que ser. Xa o dixeron no 2023, e os tempos de resolución aumentaron.
Culpan ás profesionais do atasco nas resolucións para non responsabilizarse da súa incompentencia e mala xestión.
A única forma de baixar as listaxes de espera é incrementar os cadros de persoal dos servizos de dependencia e discapacidade con carácter estrutural creando novos postos de traballo, cubrindo baixas e vacantes -e non reforzando os servizos cando se “desmadran” os tempos de agarda-. O persoal non pode asumir a mesma carga de traballo nun momento en que, cada vez máis, se incrementan as necesidades da poboación en situación de dependencia.
Non queremos máis políticas de bonos, que nos recordan a tempos pasados, no que os servizos sociais era un sistema asistencial e de beneficencia. Non queremos caridade, queremos xustiza social. A utilización destes bonos, é unha estratexia para non dar servizos á poboación e que o diñeiro público remate en mans privadas. Ademais, esta política de bonos devolve os coidados ao fogar perpetuando o rol de coidadoras das mulleres.
A Xunta de Galicia ten que explicar por que o incremento do financiamento estatal derivado do Plan de Choque 2021-2023 en materia de dependencia non veu acompañado dun incremento adicional do gasto autonómico, como sucedeu en 14 das 17 comunidades autónomas, senón que “amortizou” nun 14% o gasto que se viña realizando en Galicia.
O Goberno do galego non quere investir na atención ás persoas dependentes, de aí que en Galicia teñamos a porcentaxe de solicitudes de dependencia máis baixa de todo o Estado español cando somos a comunidade máis envellecida: só 18 de cada 100 persoas dependentes a solicitan, desmotivadas pola falta de medios e continuas modificacións lexislativas.
Para que exista un verdadeiro sistema de atención ás persoas dependentes necesítanse máis recursos económicos que se traduzan en máis residencias públicas, máis centros de día, máis servizo de axuda no fogar e coordinación co sistema sanitario.
E todo iso acompañado de melloras nas condicións de traballo das profesionais, que son na súa maioría mulleres. Non se poden ofrecer servizos de calidade se as persoas que os ofrecen non teñen unhas condicións de traballo dignas.
Non se pode converter os coidados nun negocio en mans de grandes multinacionais.
Necesitamos dunha estratexia de servizos sociais, que garantan a calidade dos servizos públicos. O acceso aos servizos sociais é un dereito recoñecido.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, négase a convocar o Consello Galego de Benestar Social. Négase a reunirse cos axentes sociais. Non contestan as peticións das organizacións. O goberno do Partido Popular está a gobernar de costas á cidadanía, utilizando a maioría absoluta como un cheque en branco.
Por todo isto, as organizacións convocantes:
-
Esiximos ao Goberno a revocación os cambios aprobados o 27 de decembro en materia de acceso ao sistema de dependencia. Instamos aos partidos políticos con representación parlamentaria a asinar un pacto en defensa do sistema público de servizos sociais.
-
Solicitamos a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social, coa comparecencia da Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García.
-
Reclamamos a dotación urxente de persoal para as valoracións de dependencia e discapacidade.
-
Reivindicamos a creación de recursos públicos que garantan cubrir as necesidades da realidade da sociedade galega.
Rematamos aquí a mobilización de hoxe.
Queremos agradecer a vosa participación e anunciarvos que seguiremos mobilizándonos para acadar os obxectivos propostos.
Convidamos a todas as organizacións que traballan no eido dos servizos sociais e ao conxunto da cidadanía a sumarse ás mesmas, alentamos a seguir loitando, porque non podemos permitir que desmantelen os servizos públicos.
O PÚBLICO É SERVIZO, O PRIVADO BENEFICIO!!
SEN COIDADOS NON HAI DIGNIDADE!!
POR UN SISTEMA PÚBLICO DE SERVIZOS SOCIAIS!!