29/02/2024
O encontro anual da Secretaría das Mulleres do SLG celebra o seu vixésimo aniversario (2004-2024)
O XVIII Encontro anual reunirá case un cento de labregas este sábado 2 e domingo 3 no Espazo Vilaseco de Chantada. Homenaxe a Lola Ferreiro, intercambio de sementes, cata de queixos e visita a proxectos vitivinícolas, entre as actividades
A vindeira fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Trátase dunha edición moi especial, xa que celebramos 20 anos de encontros dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004. Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada.
A xuntanza dará comezo ás 12:00h da mañá do sábado 2 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e da concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández, e rematará na tarde do domingo 3 de marzo, coa visita a un proxecto vitivinícola de mulleres labregas da comarca.
“Para nós os encontros anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes -abonda María Ferreiro, a súa responsábel dende o ano 2012-. Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, pero tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un cento de labregas de todo o País, pero tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man ”.
Nesta convocatoria desfrutaremos de momentos de conversa e posta en común con mulleres labregas das comarcas sobre este camiño percorrido; con mulleres labregas doutras organizacións, sobre como tecer alianzas no ámbito estatal e internacional; así como con mulleres aliadas de outras organizacións e colectivos cos que fomos traballando conxuntamente ao longo destes anos. Mulleres como a nosa benquerida Lola Ferreiro, que participou no XII Encontro celebrado en Mondoñedo (2017) e no XV celebrado en Verín (2020), e á que lembraremos cun acto especial o domingo pola mañá.
Durante esta edición tamén presentaremos o documental “Labregas, espazos de venda” (2022), realizado polo Sindicato Labrego Galego para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa no segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela: a Praza de Abastos; e a publicación “A fala da terra. Labregas” (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG. O sábado pola tarde degustaremos unha cata de produtos da Queixería Airas Monis a cargo de Ana Vázquez, intercambiaremos sementes e pola noite danzaremos ao ritmo das pandereteiras Bouba, entre outras actividades. O domingo pola tarde visitaremos as adegas Amedo, na comarca de Chantada.
Asemade, no Espazo Vilaseco estará instalada unha exposición fotográfica de Espadela Coop Arabías con 58 retratos de mulleres realizados pola fotógrafa e xornalista Charo Lopes; a exposición fotográfica do SLG-CCLL “Vinte anos da man”, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.
“Existe unha necesidade de seguir xuntándonos, de seguir tecendo rede -recalca María Ferreiro-. A propia traxectoria da Secretaría das Mulleres do SLG é a proba de que é imprescindíbel termos espazos onde as mulleres podamos atoparnos, falar e, entre todas, atopar as mellores estratexias para seguir loitando polos nosos dereitos e acadarmos sociedades cada vez máis igualitarias”.
Secretaría das Mulleres
A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego nace entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, principalmente con loitas polos dereitos de mulleres labregas como profesionais, concretamente o dereito a cotizar e o seu dereito a ser donas-titulares das súas granxas.
Nesta etapa algunhas mulleres organizadas no Sindicato comezan a decatarse de que certas leis e situacións que vivimos non son iguais e non nos afectan do mesmo xeito a homes e mulleres. Comezan a poñer esta realidade enriba da mesa e tamén a falalo dentro da organización, dentro do SLG.
Os actuais eixos de traballo son o referido ao eido profesional; á autoestima, vencer os medos e saber que o que nos pasa de xeito individual pásanos a todas e polo tanto é colectivo; organización e participación e violencia machista. Canda estas temáticas, os encontros anuais permítennos abordar tamén cuestións máis diversas, como a formación en feminismos, a defensa dos servizos públicos no rural ou a concienciación sobre a violencia obstétrica e educativa, entre outras moitas.
A Secretaría das Mulleres do SLG é tamén obxecto de estudo dende o ámbito académico, onde podemos mencionar a tese doutoral “Xustiza social, feminismo e movementos sociais: a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego” (Universidade de Santiago de Compostela, 2017) da economista brasileira Rebeca Raso.