
24/04/2025
O Sindicato Labrego Galego, entre as organizacións europeas que denuncian á UE por agochar información sobre os proxectos mineiros declarados estratéxicos
230 organizacións enviaron unha carta á presidenta Metsola e aos Grupos Políticos no Parlamento Europeo solicitando que se lles permita exercer o seu dereito de acceder á información pública e ambiental. As políticas actuais sobre minerais críticos, lonxe de garantir unha transición ecolóxica xusta, afondan nas desigualdades sociais e territoriais existentes e poden aumentar a desafección cara ás políticas climáticas
Máis de 200 organizacións da sociedade civil de toda Europa, afectadas directa e individualmente por proxectos extractivos aos que a Comisión Europea lles acaba de outorgar o status de estratéxicos, denuncian a ocultación de información básica sobre estes proxectos.
A través dunha carta [anexada ao final do documento] dirixida á presidenta Metsola e aos Grupos Políticos no Parlamento Europeo, as organizacións asinantes solicitan que se lles permita exercer o seu dereito a acceder á información pública e ambiental. A Comisión Europea publicou recentemente a lista de “proxectos estratéxicos” baixo o Regulamento de Materias Primas Fundamentais, co obxectivo de acelerar a obtención de minerais considerados estratéxicos para a transición enerxética e dixital, así como para outras industrias como a armamentística. A consideración de proxecto estratéxico permite a tramitación acelerada dos permisos de explotación e impide unha participación efectiva das poboacións locais. Estes proxectos tamén terán un status prioritario nos procesos administrativos e xudiciais e recibirán axuda da Comisión Europea para obter financiamento.
Outro aspecto especialmente preocupante é que unha parte moi importante dos xacementos dos chamados “minerais críticos” atópanse moi preto ou mesmo dentro de zonas de protección especial como a Rede Natura 2000. Os proxectos seleccionados poderán considerarse “de interese público superior”, o que pode debilitar a aplicación das directivas ambientais de protección da natureza.
Alertadas por esta situación, numerosas organizacións ecoloxistas e colectivos sociais de toda Europa dirixíronse á Unión Europea solicitando información sobre estes proxectos, co obxectivo de avaliar o impacto ambiental e social que causarán no entorno.
Ante a negativa dos organismos europeos a facilitar información básica relativa a estes proxectos mineiros, 230 organizacións [citadas na CARTA] (ONGs, bufetes de avogados e grupos formais e informais que traballan no eido do estado de dereito, a protección do medio ambiente, os dereitos humanos, o extractivismo…) enviaron unha carta á presidenta Metsola e aos Grupos Políticos no Parlamento Europeo solicitando que se lles permita exercer o seu dereito de acceder á información pública e ambiental.
Para as organizacións asinantes, esta falta de transparencia xera incerteza sobre os criterios aplicados para conceder a determinados proxectos unha cualificación que lles outorga privilexios económicos e administrativos, como a tramitación acelerada das autorizacións. Ademais, supón unha vulneración do Convenio de Aarhus sobre información, participación e xustiza ambiental.
As organizacións advirten de que as políticas actuais sobre minerais críticos, lonxe de garantir unha transición ecolóxica xusta, afondan nas desigualdades sociais e territoriais existentes e poden aumentar a desafección cara ás políticas climáticas. Tampouco resolven, senón que profundan no espolio de recursos do Sur Global, sen garantir os dereitos dos pobos indíxenas nin das comunidades locais destes países. Demandan, con carácter inmediato, unha revisión dos proxectos estratéxicos seleccionados, de xeito que se garanta que non recibe esta cualificación ningún proxecto con malas prácticas ambientais e sociais, nin proxectos situados en espazos naturais protexidos, así como noutros que merezan protección incompatible coas actividades extractivas. Así mesmo, recalcan que é imprescindible un xiro de 180 graos nas políticas sobre materias primas minerais, de forma que se priorice a redución da demanda e a reciclaxe de metais, e que se poña no centro da toma de decisións o benestar da poboación e do seu entorno.
"Para que a política mineira da UE sexa crible e sostible, debe basearse nunha planificación espacial estratéxica que defina con claridade que materias primas se necesitan, en que lugares poden extraerse sen poñer en risco o medio ambiente nin as comunidades, e baixo que condicións deben desenvolverse. Esta planificación debe construírse con criterios de interese xeral e cunha participación pública real e reforzada. Non podemos deixar que o rumbo o marquen propostas dispersas impulsadas unicamente polos intereses particulares das empresas", afirman dende o conxunto de organizacións asinantes da carta.
Na Galiza o proxecto de explotación mineira en Doade non é novo. O proxecto mineiro actual é unha reedición do que foi denegado hai 3 anos. Daquela o Instituto Geológico y Minero de España advertiu nun dos seus informes da posibilidade de formación de augas ácidas de mina e que minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio serían extraídos, machacados, depositados en escombreiras ao aire libre e suxeitos a disolución, bombeo e inxección a canles superficiais e contaminación de acuíferos, todo iso a menos de 1 km de dous núcleos de poboación. Ademais, a propia Confederación Hidrográfica Miño Sil informou desfavorablemente ao proxecto por ter un grave impacto sobre as masas de auga.
Para as organizacións veciñais e ecoloxistas que rexeitan esta explotación mineira resulta incomprensible que con estes antecedentes e a gran oposición da veciñanza da contorna se lle outorgue a este proxecto a consideración de estratéxico.