AmpliaciónAlegaciónsAltri3

15/04/2024

O SLG-CCLL solicita unha ampliación de 15 días do prazo de alegacións á macrocelulosa Altri-Greenalia

O prazo actual remata este mércores 17 de abril. A avalancha de alegacións amosan o contundente rexeitamento social. A complexidade do proxecto e o seus impactos encaixan na previsión de ampliación de prazo prevista no Art.32 Lei 39/2015

A Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto Ledo, solicitou onte á Secretaría Xeral de Industria -dependente da Consellaría de Economía, Industria e Innovación- unha ampliación de 15 días no prazo de alegacións ao proxecto dunha macrocelulosa presentado polas empresas Altri-Greenalia.

Margarida Prieto alude no seu escrito, entre outras consideracións, ao Art. 32 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que estabelece ao respecto da ampliación de prazos que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou a petición das persoas interesadas, unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda da metade dos mesmos, tendo sido neste caso o prazo inicial de 30 días.

Dende o SLG-CCLL consideramos que a notoria complexidade técnica e volume documental do expediente, así como a incidencia do proxecto a nivel territorial -municipal, comarcal, provincial e galego-, a afectación a diversos intereses e valores -medio-ambientais, patrimoniais, territoriais, recursos hídricos, etc- e o elevado número de persoas afectadas, tanto de xeito directo -titulares de bens e dereitos- como indirecto xustifican sen lugar a dúbidas a necesidade dunha ampliación dos prazos de información pública deste expediente.

“A ampliación de prazo de información pública facilitaría unha maior participación cidadá na toma de decisións nun asunto desta trascendencia, impacto e relevancia social, garantindo, ademais, unha maior participación real e efectiva do conxunto do xeral da cidadanía, das institucións e colectivos, así como das persoas máis directamente afectadas”, argumenta a responsábel na loita contra o acaparamento de terras no SLG-CCLL.

Até o dagora foron milleiros as alegacións presentadas, boa mostra do contundente rexeitamento social que provoca esta macrocelulosa proxectada polas empresas Altri e Greenalia en Palas de Rei, que implicaría graves prexuízos para a cidadanía, tales como a ocupación dunha superficie directa de 366 hectáreas para a súa industrialización e acaparamento forestal, o gasto de 46 millóns de litros de auga diarios, verquidos ao Río Ulla e á Ría de Arousa ou episodios de choiva ácida.

Malia esta importante cantidade de alegacións, son centos as que inda quedan por rexistrar, proceso que dende o Sindicato Labrego, que presentamos alegacións e ademais puxemos a disposición os nosos locais para a súa entrega e rexistro, comprobamos de primeira man que está a resultar complexo de xestionar pola propia Administración pública, sobrepasada pola resposta social.

Como vimos denunciando dende o SLG-CCLL, a realización desta enorme fábrica de celulosa no corazón do noso país destruiría milleiros de postos de traballo en múltiples ámbitos produtivos, con especial incidencia na produción alimentar. É patente tamén que unha industria destas características tería un impacto irreversíbel nos ecosistemas, polo que tamén solicitamos informes ás 3 reservas da biosfera que se verían afectadas polo proxecto.

“A todas luces é un proxecto que non hai xeito de xustificar, ao igual que os macropolígonos eólicos ou novas prospeccións mineiras -asevera Margarida Prieto-. Por iso o Partido Popular leva anos modificando a normativa dende a Xunta de Galicia, o ano pasado sen ir máis lonxe ca Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais. Modificando as condicións legais pretenden saltar os filtros medioambientais que terían que pasar este tipo de proxectos, para aprobalos precisamente de costas á cidadanía. Pero como sabemos que temos a razón, imos conseguir parar esta macrocelulosa igual que temos parado outros proxectos lesivos para a saúde das persoas e o medioambiente nos últimos anos”.