mina de touro non

17/07/2024

O SLG di NON ao proxecto de reapertura da mina de Touro

Declinamos participar na presentación que Cobre San Rafael fará mañá, 18 de xullo, en Compostela baixo invitación persoal do que chaman o novo proxecto da mina. O proxecto segue tendo o mesmo emprazamento entre o Camiño de Santiago e a cunca do río Ulla, acaparando terreos agrarios en produción que xeran emprego e produción de alimentos

Hai apenas un mes coñeceuse que a empresa Cobre San Rafael presentara no mes de xaneiro o que chamaron “novo” proxecto de reapertura da mina en Touro coa única novidade de que agora solicitan que se lle declarara proxecto industrial estratéxico -PIE- como o da pasteira de Altri na Ulloa. Unha alfombra para poder obter fondos públicos de xeito prioritario, para limitar o acceso á documentación e os tempos de información pública, para limitar os dereitos da poboación aos dereitos sobre as súas terras e tamén un beneficio para modificar a Xunta directamente os usos dos terreos e facilitar as expropiacións.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) declinou participar na presentación que Cobre San Rafael fará mañá, xoves 18 de xullo, de 9:30 horas ás 11:00 horas no Hotel Oca Porta do Camiño, en Compostela, baixo invitación persoal do que chaman o novo proxecto da mina, e como xa o fixo dende hai sete anos, defenderá os intereses da poboación vinculada ás actividades agroagandeiras e industrias agroalimentarias.

“Este vello proxecto de reapertura xa é coñecido, foi denegado en 2020 polas graves afeccións aos recursos hídricos, eses que para a autoridade mineira contan só para o servizo da mercantil, e non da poboación. Dende o Sindicato Labrego Galego, como xa o fixemos dende hai sete anos, imos dicirlle a este vello proxecto que xa coñecemos, que tampouco desta vai ser posíbel nesta ocasión. Formúlase unha explotación mineira en máis de 800 ha de terreo, isto si que é novo pois supéranse case en 200 ha máis de terreo que collería a mina, entre os que se atopa solo urbano que, segundo o PXOM do concello de Touro, non conta entre os seus usos permitidos o da actividade mineira”, denuncia Margarida Prieto Ledo, Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-CCLL.

“As actuacións formuladas no proxecto localízanse en gran parte sobre parcelas clasificadas como solo rústico de especial protección agropecuaria, sometidas a un proceso de concentración parcelaria. Segundo o informe técnico do concello de Touro, ditas actuacións non se consideran compatíbeis cos fins da concentración parcelaria, non obstante, estarase ao disposto pola Consellería do Medio Rural en materia de solo rústico de especial protección agropecuaria que foi recollida no DECRETO 263/2007, de 28 de decembro, polo que se declararon zonas de especial interese agrario as comarcas, entre outras, a de Arzúa á que pertencen os concellos de Touro e O Pino”, insiste Prieto.

Por outra banda, a compatibilidade da actuación coa clasificación do solo dependerá tamén dos informes que ao respecto deben emitir a Consellería de Cultura -ao respecto da protección dos bens con interese cultural-, a entidade pública empresarial Augas de Galicia -ao respecto do dominio público hidráulico e zona de policía de canles-, e os organismos competentes no solo rústico de protección de infraestruturas, porque este “vello” proxecto segue tendo o mesmo emprazamento entre o Camiño de Santiago e a cunca do río Ulla, acaparando terreos agrarios en produción que xeran emprego e produción de alimentos.

“A reapertura da mina, como xa acontecía co proxecto denegado, supón a destrución de emprego agrario, gandeiro e a posta en risco de industrias agraolimentarias e, en consecuencia, un problema para o mantemento do emprego e do arraigo da poboación nestes concellos que terá unhas negativas repercusións no desenvolvemento socioeconómico da comarca vinculada a actividades totalmente incompatibles coa minería ademais de supoñer a expulsión da poboación. O Sindicato Labrego Galego non vai contribuír ao blanqueo”, afirma a Responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-CCLL.

Tecnicamente este “vello” proxecto sigue formulando enormes cortas e balsas de residuos mineiros xeradoras de drenaxe ácido de mina, con afección as augas subterráneas e superficiais, pegadas a Tribas, a apenas 400 metros das poboacións de Arinteiro, Torreis, Os Bravos, Cruz de Méndez, Loxo, Bama; voaduras con explosivos e po en suspensión diario, con tránsito diario de camións e maquinaria de gran tonelaxe, contaminación lumínica á beira do Camiño Francés ao seu paso por Pedrouzo.