
24/11/2009
O SLG érguese contra a violencia de xénero
Mañá, Día internacional contra a violencia que afecta ás mulleres participaremos na xeira de mobilizacións reivindicativas convocada en todo o mundo coa celebración da V Festa das Mulleres* na comarca de Ordes, acto co que daremos valor ao feito en si de xuntármonos as mulleres, aproveitando ademais esta quinta edición para recoñecer o papel das mulleres na histórica loita labrega d´As Encrobas no ano 1977, coa súa participación nunha palestra que terá lugar ás 13:30hrs.
Enmarcadas na loita contra a violencia de xénero, os pasados 3 e 4 de novembro as mulleres do Sindicato Labrego Galego, canda as representantes doutras organizacións labregas europeas pertencentes á Coordenadora Europea Vía Campesina, mantivemos dúas xornadas de traballo en Betanzos centrado do desenvolvemento dunha campaña global para facer fronte á violencia exercida contra as mulleres.
A decisión de levar adiante esta campaña foi tomada durante a V Conferencia Internacional da Vía Campesina en Maputo (Mozambique) en outubro 2008 á que asistiron en representación do Sindicato Labrego Galego Isabel Vilalba, Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG e Xosé Ramón Cendán, Responsábel de Relacións Internacionais.
Foi este acordo un feito histórico, posto que A Vía Campesina Internacional agrupa millóns de labregos e labregas de todo o mundo nun total de 148 organizacións activas en 69 países de Asia, África, Europa e América, é dicir, centos de culturas diferentes, mais nesta V Conferencia aceptouse firmemente que non hai xustificación nin cultural nin de ningún tipo para exercer violencia contra as mulleres.
Nestes meses as organizacións da Vía Campesina desenvolveremos unha campaña de comprensión e sensibilización da importante lacra social que a violencia contra as mulleres representa, así coma a divulgación dos recursos existentes para as mulleres que viven esta problemática.
As labregas vivimos nun medio de características moi específicas, o medio rural, e isto afecta ás nosas capacidades para enfrontarnos a este problema. Principalmente é moi frecuente a carencia de infraestruturas e servizos especializados neste entorno e, ademais, a falta de anonimato nas pequenas vilas e aldeas dificulta a saída desta situación.
Noutra orde de responsabilidades, as labregas témonos que enfrontar á carencia tamén de recoñecemento legal e dispoñibilidade de recursos propios, identificada por exemplo na dificultade que temos hoxe en día para acadar a titularidade compartida nas explotacións, con igualdade de dereitos, e que está que está a incidir na dependencia e na dificultade para superar unha situación de violencia vivida no fogar.
Conscientes destas e doutras especificidades da situación da muller labrega, o SLG puxo en marcha a Secretaría das Mulleres fai máis de 15 anos, levando adiante históricas loitas polos nosos dereitos, ás veces tan básicos como a cotización á seguridade social agraria, que inda hoxe en día non son facilitados, neste caso polo goberno estatal, e que constitúen dende o noso punto de vista unha tipo de violencia administrativa e legal contra as mulleres.
Para o SLG resulta evidente que fai falla un deseño de actuación específico para os parámetros da muller rural nesta grave problemática.
Consideramos tamén que parte da nosa contribución coma organización agraria ten que ser a de implicarnos firmemente na loita contra a violencia que afecta as mulleres.
Ás 12:30hrs. de mañá, no transcurso da V Festa das Mulleres, todas xuntas gardaremos un minuto de silencio en lembranza das mulleres asasinadas este ano. Asemade, ás 20:30 participaremos na concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres na praza do Toural en Compostela.
Dende o Sindicato Labrego Galego queremos pedirlle á sociedade unha total implicación na loita contra a violencia que afecta ás mulleres. Non existe ningunha explicación nin condicionante que poida xustificar ningún maltrato nin físico, nin psicolóxico, nin económico ou social contra as mulleres.
Arquivo para descarregar: díptico informativo contra a violencia de xénero editado polo SLG.