
09/02/2009
O SLG esixe que se efectúen xa os cambios normativos necesarios para conseguir a titularidade compartida real nas explotacións agrarias e gandeiras
O Consello de Estado vén de sinalar que o Real Decreto de Titularidade Compartida non é a norma axeitada para cumprir aos mandatos da Lei 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes nin da Lei 45/2007 para o desenvolvemento sostible do medio rural.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire Cruces, denunciou hoxe en Santiago as imprecisións e limitacións do Proxecto de Real Decreto de Titularidade Compartida, facendo referencia ao contido do informe do Consello de Estado onde se indica que proxecto carece do rango normativo axeitado para buscar a cotitularidade real, tal e como se recollía nas alegacións presentadas polo Sindicato Labrego Galego ao mesmo.
O pasado 2 de febreiro, o director xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural pertencente ao MARM, Jesús Casas Grande, informou nunha xuntanza do proceso de aprobación do Real Decreto, acto no que se deu a coñecer o dictame do Consello de Estado onde se di textualmente: “ O presente real decreto é só a primeira das medidas destinadas a dar cumprimento a ese mandato de promoción e desenvolvemento da titularidade compartida das explotacións, sendo, pois, de alcance limitado, debido á necesidade de operar dentro dos límites que para emitir regulamentos ten o Goberno. Esta primeira medida terá que ir acompañada, no futuro, de outras que farán necesaria ou conveniente a promulgación de leis civís, mercantís, fiscais ou laborais”.
A proposta non deixa de ser unha declaración de intencións sen buscar solucións definitivas que dean cumprimento ao mandato da Lei Orgánica 3/ 2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e de homes, na que se esixía o desenvolvemento da figura xurídica da titularidade compartida “para que se recoñezan plenamente aos dereitos das mulleres no sector agrario, a correspondente protección da Seguridade Social, así como o recoñecemento do seu traballo”.
Dende o Sindicato Labrego Galego, non se pode entender que se elixa pór en marcha un Real Decreto cando todos os informes sinalan que hai que facer reformas en normas con rango de lei, nin tampouco que neste proceso non estean presentes outras administracións como, por exemplo, o Ministerio de Economía e Facenda, con competencias sobre a fiscalidade das explotacións...; que, como mínimo, debería ter dito como se desenvolverá o recoñecemento da participación das mulleres nas axudas da Política Agraria Común.
O SLG considera que a creación dun mero rexistro administrativo no que consten as cotitulares é un paso moi limitado nun camiño que comeza a ser demasiado longo.
Carme Freire denunciou tamén a falta de compromiso con respecto aos supostos incentivos que se contemplan para fomentar a inscrición neste rexistro das mulleres, sen concretar ningunha cantidade e dicindo explicitamente na memoria económica que hai unha ausencia de repercusión orzamentaria significativa da actuación.
Non se contempla a explotación con dúas partes diferenciadas e con dereitos de participación individuais para o home e para a muller en igualdade de condicións. Concíbese como un todo de dereitos administrativos, propiedade do titular (maioritariamente homes), o que fai que haxa unha total invisibilización do traballo das mulleres, de falta de recoñecemento profesional, de subordinación respecto aos titulares masculinos, de ausencia de dereitos legais e económicos...; unha discriminación impropia dun estado que se di democrático.
Queremos lembrar que, segundo a ONU, a privación de recursos ou o mantemento das mulleres na precariedade é unha forma de violencia que non ten menos importancia cá violencia psicolóxica ou a violencia física, e que moitas veces van da man.