Pataca Limia

04/05/2020

O SLG intermedia con Medio Rural para buscar saída a máis de 1'5 millóns de quilos de pataca de 11 produtores na Limia

O Sindicato Labrego Galego dirixiuse, o 30 de abril, á Consellaría de Medio Rural para facerlle entrega dunha lista de once produtores e produtoras da Limia (Xinzo, Sandiás e Vilar de Barrio) que teñen almacenados máis de 1'5 millóns de quilos de pataca sen saída comercial aos que non se lles está a ofrecer ningún tipo de apoio ou axuda.

A posible saída comercial a través de Mercaproximidade, pola que apostaron asociacións como Adegal, e que venderon a grandes superficies algo máis de 200.000 quilos, está a resultar completamente insuficiente; e a compra pública por parte da Xunta limitouse, polo de agora, a 100.000 quilos. Para o SLG, todas estas iniciativas son necesarias e positivas, pero estanse a manifestar completamente insuficientes. Na lista de explotacións entregada hoxe a Medio Rural, hai algún produtor que almacenan por si só continxentes superiores á pataca comercializada polo de agora por Mercaproximidade e a Xunta. En canto ao comercio electrónico, resulta imposible dar saída, a través da venda polo miúdo en Internet, a uns continxentes tan grandes.

Por se non abondase, o tempo corre na contra dos produtores e produtoras, xa que a pataca almacenada comezará a podrecer en menos dun mes.

Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos que a Administración artelle novas medidas para dar saída a máis pataca almacenada. A maiores, e dado que previsiblemente vai ser imposible vendela toda mentres siga pechada a restauración, pedimos dúas accións adicionais:

  1. Axudas directas para compensar as perdas tirando dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).

  2. Xestión pública do procesamento e tratamento da pataca que fique sen vender, xa que o seu deterioro pode causar un importante problema sanitario.