Pataca

07/07/2020

O SLG pide axudas para compensar perdas na pataca tras fracasar a comercialización a través de Mercaproximidade

O Sindicato Labrego Galego, tras celebrar unha asemblea de produtores e produtoras de pataca en Xinzo de Limia, acordou reclamarlle á Xunta unha liña de axudas para compensar as perdas económicas provocadas polas restricións do estado de alarma para enfrontar a pandemia da Covid-19.

O confinamento e o peche da hostalería fixeron que quedasen grandes continxentes con millóns de quilos de pataca almacenada sen saída comercial, nomeadamente da variedade Agria, especial para fritir, da que se fornece a hostalería. A pesares de que a Consellaría de Medio Rural tentou dar saída á pataca almacenada a través da experiencia Mercaproximidade, esta solución non serviu. Segundo informou o conselleiro de Medio Rural, José González, no último Consello Agrario Galego, lograron sacar 3'5 millóns de quilos a través desta canle comercial.

Sen medios para corroborar ou desmentir este dato, o que si sabemos é que foron moitas as explotacións que quedaron con millóns de quilos sen vender nunha situación moi comprometida. Por unha banda, a chegada das boas temperaturas ía acelerar o deterioro do tubérculo; pero, ademais, a nova campaña comezaba e precisábanse baleirar os almacéns para comezar a traballar coa pataca de semente. Desa situación desesperada aproveitáronse intermediarios e almacenistas, que deron saída a esa pataca con prezos miserables a partir de 4 céntimos o quilo que, no mellor dos casos puideron chegar aos 8-10 céntimos pero que, nos peores, que os houbo, foron levadas sen prezo para ser pagadas a posteriori ou, simplemente, para librar aos produtores e produtoras de ter que custear, por riba, a destrución da pataca que tiñan almacenada.

Ao final, foron os almacenistas os que deron saída á pataca parada, pero a costa da rendibilidade dos produtores e produtoras. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, pedimos que a Consellaría de Medio Rural inclúa o sector da pataca entre os máis damnificados pola pandemia do Covid-19 e cree axudas para compensar as perdas sufridas e para garantir a continuidade das explotacións afectadas dentro do “Plan de Reactivación do Agro” presentado no último Consello Agrario Galego.