
20/05/2025
Preocupación por un inminente colapso dos servizos municipais de atención á dependencia
Persoal dos servizos sociais comunitarios alerta das demoras provocadas polo procedemento unificado imposto pola Consellaría. As traballadoras/es prevén unha avalancha de requirimentos administrativos que se engadirá á xa enorme carga de traballo
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de ter coñecemento de varios casos que alertan dun máis que posible colapso dos servizos municipais de atención á dependencia debido ao procedemento unificado cualificado como “simplificado” pola Consellaría de Política Social, que entrou en vigor o 3 de xaneiro de 2025.
Xa cando accedimos ao mesmo a finais do 2024 a través do borrador da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, tanto dende o SLG como dende outras organizacións sociais e profesionais advertimos dos efectos negativos que carrexaría o novo modelo unificado, ao dificultar inda máis o acceso das persoas vulnerables ao sistema e sobrecargando de xeito moi grave os servizos sociais comunitarios. En febreiro deste mesmo ano convocamos unha mobilización en Santiago de Compostela na defensa do sistema público de atención á dependencia e solicitando a paralización deste procedemento.
Ben, pois os peores presaxios estanse cumprindo. Nestas últimas semanas, traballadoras/es sociais da provincia de Lugo trasladaron ao SLG a súa preocupación polo máis que posible colapso na atención local. Por mor do procedemento unificado, na actualidade aos expedientes tramitados dende xaneiro 2025 en diante estanlles requirindo distintos documentos, tales como informes médicos -semella que está a haber problemas co procedemento de acceso e estanse atopando con que non chegan os informes médicos para cando as persoas teñen a cita para efectuar a valoración-, certificados de contas bancarias e tamén vanlles solicitar todos os informes sociais.
“De novo as persoas máis vulnerábeis, as súas familias e as persoas que traballan nas áreas de servizos sociais están a ser vítimas das campañas de marketing da Consellaría de Política Social. A Conselleira Fabiola García segue facendo uso da estratexia de inventar anuncios novos -ou reciclados duns meses antes- cos que saír nos medios de comunicación como quen que fan algo. Pero a realidade é que publican normativa e procedementos, tanto sen consultar antes cas persoas que realizan diariamente este traballo, como sen articular previamente os procesos internos necesarios para desenvolvela, co que o único que fan é complicarlle inda máis o traballo ás profesionais que xestionan a atención á dependencia, incrementando os tempos de demora no acceso a prestacións que son urxentes”, critica a vogal do SLG no Consello Galego de Benestar Social (CGBS), Margarida Prieto Ledo.
“Volveremos a colapsar unha vez máis os Servizos Sociais Comunitarios dos concellos por mor dos anuncios irreais da Xunta de Galicia”. Así de contundente é a diagnose que neste momento nos trasladan as traballadoras/es, que prevén recibir, por exemplo en concellos cun/ha único/a traballador/a social, arredor de 50 requirimentos nun mes para remitir no prazo de 10 días, que non só non será posible cumprir nos prazos establecidos, senón que redundarán nunha maior demora dos expedientes xa atrasados. Cabe sinalar que, neste momento, por exemplo na provincia de Lugo, estanse a resolver os expedientes de solicitude presentados en maio de 2024.
Ademais, os servizos sociais comunitarios non dispoñen tampouco de documentación abondo para poder ter información precisa para a elaboración do Informe Social Unificado (ISU). Se ben a propia Xunta de Galicia ten acceso a estes datos (DNI, historia clínica, IRPF e pensións ou prestacións), o persoal que traballa dende os Concellos non conta con esa documentación/información de áreas que deben constatar e ter en conta para a elaboración do informe social, dado que o documento técnico é un compendio de distintas áreas da persoa. Se dende os concellos requiren estes documentos ás familias, excederán o prazo de elaboración do informe, pero se non llos requiren non disporán dos datos precisos para elaboralo.
Por exemplo, non ter ningún tipo de información sanitaria da persoa implica para as traballadoras sociais que, ante a situación de ter que propor un recurso social para unha persoa cunha determinada patoloxía de saúde, que ten que acudir a un recurso concreto, non se poida valorar correctamente a sua situación por descoñecemento de parte da información. Tamén pode dar lugar a que se poña en risco á persoa técnica por acudir soa a domicilios de persoas con alteracións conductuais que poidan resultar perigosas, e que coñecendo a información sanitaria previamente permitiría activar outros recursos e/ou acompañamentos para a recollida da información no seu domicilio.
“A Xunta de Galicia publicita informacións erróneas que dan lugar a enganos á poboación, incumpre os prazos de resolución dos expedientes, unha vez máis, e descoordina un sistema de tramitación que xa anteriormente tiña moitas eivas, e que dende os últimos cambios normativos de 2025 ten moitas máis. Ademais, esta situación agrávase no rural, onde normalmente hai unha única traballadora social por concello”, insiste Margarida Prieto.
De feito, na resolución do 31 de decembro de 2024 pola que se aproba o modelo normalizado de solicitude conxunta de dependencia e discapacidade nin sequera se recolle o informe social como documentación preceptiva na tramitación do procedemento. E se ben o colectivo profesional de traballo social amósanse a favor da obrigatoriedade do informe social na tramitación do procedemento, o lóxico sería que estivese recollido normativamente e regulado - como xa figuraba-, a fin de garantir os dereitos das persoas usuarias, evitar a vulneración dos dereitos das persoas máis vulnerables e favorecer a coordinación interadministrativa que dá lugar á fluidez e axilización dos procedementos.
O procedemento de unificación imposto pola Consellaría está a producir o efecto contrario, máis demoras, menos axilización e unha total descoordinación.
Unha vez máis solicitamos o reforzo de persoal e medios na atención á dependencia, dotando de máis recursos os equipos de valoradores/as pero tamén os comunitarios. Ademais, insistimos na necesidade de revisar os termos dos procesos de solicitude en aras da súa racionalización, e non de engadir cada vez unha complexidade maior, como está a ocorrer con cada novo cambio imposto pola Consellaría de costas ás traballadoras/es.
Cuestións concretas, como por exemplo a reformulación do propio modelo do Informe Social Unificado, sintetizando a información e sendo máis clarificador, son modificacións que si que aportarían celeridade na xestión da dependencia. Resulta canto menos incongruente que o formulario dun procedemento tan sensíbel e necesario para a cidadanía como este teña un grado de complexidade tal que sexa preciso por parte da Administración pública acompañalo dun manual explicativo de case medio cento de páxinas dirixido ás profesionais que o tramitan.