Vacas de leite - xullo 2024

26/07/2024

Prezos do leite á baixa: solicitamos convocatoria da mesa e do observatorio galego do leite e esiximos ao presidente Rueda que se poña á fronte da situación

Leite Río está a realizar renovacións de contratos por baixo dos 40 cts e, de novo, as granxas máis pequenas e sostíbeis, as máis prexudicadas. A Consellería do Medio Rural segue ausente, levamos dende o mes de abril agardando resposta de xuntanza coa conselleira

A empresa galega Leite Río está a realizar renovacións de contractos do leite por baixo dos 40cts/litro, chegando algúns aos 38cts. Xustamente estamos ante unha empresa que conta cun importante número de granxas pequenas, e outra vez, volve castigar ás propias granxas galegas sen xustificación. “Sendo Leite Río a empresa galega que vai de abandeirada de galega e presumo diso, é a primeira, como é habitual por certo, en tirar os prezos para abaixo nunha situación de relativa estabilidade dos prezos do leite, no cal os prezos do produtos tipo manteiga e leite en po, están á alza e levan xa tempo subindo, e o prezo do leite que se paga nas granxas a nivel europeo noutras épocas nas que se pagou máis aquí estaba máis baixo, e agora está subindo o prezo en Europa co cal non ten lóxica que baixe aquí”, denuncia Xulio Fernández, coordinador do Sector do Leite no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.

O prezo do leite no lineal non está tendo baixadas, salvo nas marcas brancas, precisamente nas marcas de distribución que poida estar ofertando empresas como Leite Río por exemplo, que como xa denunciamos hai meses foron os primeiros en baixar os prezos. “O prezo do leite no supermercado non está tendo grandes variacións coa baixa, co cal non se xustifica esta baixada”, reitera o coordinador do Sector do Leite no SLG-CCLL.

As granxas máis sostíbeis, as máis prexudicadas

Hai outras empresas, como o caso de Lactalis que, escusándose nunha suposta certificación de benestar, está a deixar de recoller ás granxas que están en estabulación trabada, a pesar de seren animais que poden pasar todo o día en pastoreo, que incluso nesta época do ano dormen fóra, pero casualmente as granxas que están en estabulación trabada adoitan ser as máis pequenas, co cal vólvese penalizar a un modelo máis pequeno e con menos impactos medioambientais. Precisamente son as granxas pequenas das zonas máis despoboadas, como as da montaña, as granxas que poden quedarse descolgadas.

Debido á urxencia da situación, e por mor da ausencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, á que levamos por certo dende hai meses agardando unha reposta de solicitude de xuntanza, pedímoslle ao Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que se poña á fronte da situación e solicitamos a convocatoria da mesa do leite e do observatorio galego do leite coa máxima rapidez.