DespidoTraballadoraAsilo

18/08/2023

REPRESALIAS NA FUNDACIÓN HOSPITAL ASILO DE VILALBA: Despido dunha das traballadoras denunciantes das condicións laborais

Sindicatos e colectivos feministas esixen a súa readmisión inmediata e ás administracións que actúen xa para garantir os dereitos das traballadoras e dos residentes

COMUNICADO CONXUNTO: Asociación Feminista de Vilalba, Feministas da Terra Chá, Sindicato Labrego Galego e Comisións Obreiras Galicia

Participantes na rolda de Prensa celebrada hoxe no Hostal Restaurante Terra Chá de Vilalba:

  • Olga Rego Rouco, traballadora da FHAV
  • Felisa  García Castro, de  Feministas da Terra Cha
  • Manuel Quiñoá, Secretario Xeral de CCOO Lugo
  • Margarida Prieto Ledo, vocal do SLG no Consello Galego de Benestar

Vilalba, 18 de Agosto 2023. Convocamos está rolda de prensa para denunciar a situación da Residencia de maiores xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba e informar das novidades que se teñen producido nos últimos días.

Antecedentes: Xa no ano 2020 por parte do Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) denunciose diante do Consello Galego de Benestar Social as deficiencias na cobertura de persoal de enfermería a raíz de poñerse en contacto con esta entidade persoas usuarias. Nese momento a propia Fundación recoñeceu que non se estaban cumprindo os ratios pero a situación a día de hoxe está sen solventar.

A principio deste ano, foron as auxiliares de atención directa as que diron a voz de alarma, poñéndose de novo en contacto con nós, foi entón cando nos dirixímonos de novo a Política Social no mes de abril e maio para denunciar o incumprimentos nos ratios das traballadoras (coidadoras directas) e as condicións de traballo insostibles e que poñían en risco a garantía e calidade dos coidados as persoas usuarias.

Ademais foron as mesmas traballadoras as que por medio dun escrito asinado por 21 puxeron en coñecemento do Concello, da inspección de traballo e dos medios de comunicación a situación

Entre as cuestións que denunciaban estaban:

Nesta entidade non se cumpren os ratios de traballadores que a Lei de Servizos Sociais obriga, toda vez que non se cobren as ausencias (I. T, LDS, licenzas, etc). Tampouco está actualizada situación de dependencia das persoas usuarias, figurando moitas grandes dependentes so con supervisión física ou verbal.

A maiores da falta de persoal “non contamos tampouco con medios materiais suficientes para a atención dos residentes (grúas adaptadas, cadeiras de rodas e todo tipo de material sanitario

E referenciaban exemplos como que “Na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns.  Hai pavillóns nos que hai 30 usuarios e só un traballador en quenda de mañá. Pola tarde estes 157 resudebtes están atendidos por 7 traballadoras (levantar sesta, cambio cueiros, merendas visitas, atender telefono, ceas e deitalos)”.

Pois ben, logo de facerse eco os medios da situación a dirección do Asilo en lugar de implementar medidas para correxir a situación e mellorar as condicións de traballo, a medida que tomaron foi despedir a unha das traballadoras que promoveu a denuncia, vulnerando os dereitos básicos dos que nos temos dotado as persoas traballadoras e a cidadanía.

Dende Comisións Obreiras (CC.OO) denunciamos que o despedimento da compañeira Olga, traballadora da FHAV é un despedimento nulo.

Os feitos que se lle imputan na carta de extinción non son reais, pois a causa alegada pola empresa é INEXISTENTE. A comunicación de cese non deixa lugar a dúbidas, a traballadora é despedida polo feito de liderar as reivindicacións de diversos dereitos laborais das traballadoras da FHAV en materia de prevención de riscos laborais, de ratios de persoal, de medios materiais, etc,. E así, queda patente na propia carta de despedimento, xa que  o feito que se lle imputa literalmente é o seguinte: “Durante los últimos tiempos se ha venido comprobando por la dirección de la empresa, una oposición permanente al sistema organizativo del trabajo, generando una falta de confianza en las funciones para las que Ud. ha sido contratada”.

Os feitos poñen de manifesto, que é a súa actividade belixerante na empresa a causa real do despedimento, que é usado pola empresa a modo de “chivo expiatorio” e de advertencia pública, para infundir o temor a posibles represalias no resto do colectivo, e  que así as traballadoras desistan das súas reivindicacións ante os incumprimentos empresariais. 

A empresa está a empregar o poder disciplinario de forma totalmente arbitraria como mera escusa para acabar coa relación laboral, e desfacerse dunha traballadora que lle resulta molesta por encabezar as reivindicacións relativas ás deficiencias que presenta a residencia en materia de dereitos laborais e que repercute negativamente na atención aos usuarios.

Non se pode permitir que a empresa “xogue” ao seu antollo coa tipificación das faltas cometidas polos traballadores, posto que isto quebra o principio de seguridade xurídica, deixando ao criterio da empresa o poder sancionador e disciplinario coas consecuencias que isto carrexa. Esta parte entende que a pretendida sanción empresarial vulnera o principio de tipicidade,  pois os feitos imputados á traballadora non son certos nin sancionables.

Dende CC.OO levamos tempo alertando de que no sector da DEPENDENCIA e das RESIDENCIAS PRIVADAS, é constante o desleixo e abandono tanto por parte da Xunta de Galicia como polas administracións locais, que dotan con cartos públicos a este tipo de institución sen sometelas a ningún control e comprobación de como prestan os coidados aos nosos maiores.

Dende o  Sindicato Labrego consideramos que como sociedade non podemos consentir que non se garantan uns servizos sociais de calidade, nin uns coidados axeitados para as nosas persoas maiores. 

Nun absoluto desleixo das súas responsabilidades, a Xunta non está a comprobar se os Centros cumpren as condicións que a normativa marca, de feito a propia Asociacións de Inspectores  denunciou en dias pasados, que a administración avisaba antes de facer as inspeccións.

Dende a Xunta informóusenos  que esta residencia ten un expediente aberto do ano 2021. E a raíz das denuncias deste ano 2023 realizou unha nova inspección en abril na que se atoparon de novo  incumprimentos da normativa. Temos solicitado unha entrevista coa xefa de inspección para ser informadas do alcance destes expedientes e das medidas que se están tomando por parte de Política Social e da FHAV para correxir as deficiencias. Non é admisible ter un expediente en tramitación dende o ano 2021. A realidade é que non temos quen garanta que se cumpran os dereitos das traballadoras e os dereitos dos usuarios das residencias privadas.

Os colectivos Feministas convocantes saímos defender a esta traballadora, e a todas as traballadoras que ven vulnerados sistematicamente os seus dereitos.  As mulleres feministas consideramos que o traballo dos coidados, a diferenza do que está pasando, ten que ser un traballo valorado e considerado dos máis importantes para a sociedade. A ideoloxía patriarcal “pola contra” é a colaboración que necesitan as empresas privadas  para a explotación das mulleres, que se traduce nun abuso de poder, no caso da FHAV, do seu Patronato e da súa dirección.

Son moitos os casos como o da FHAV, non é o único pero é un caso ben ilustrativo da situación das mulleres que traballan neste sector (incumprimento sistemático de ratios, falta de medios materiais, sobrecarga de traballo etc), e non so nos ilustra sobre as súas condicions de traballo, senón sobre o que pasa se as mulleres se organizan e reclaman os seus dereitos. A modo de exemplo o que pasou co despido de Olga  que a Dirección traslada como escarmento  para que o resto das traballadoras non reclamen os seus dereitos

Hoxe polo tanto xuntámonos organizacións de distintos ámbitos sociais, para denunciar unha vez máis esta situación, porque nos preocupa a situación das traballadoras, a situación dos nosos maiores.

Temos claro, que, si se cumpren as ratios de persoal, si se cobren as baixas, si se contratan enfermeiras, si se teñen os axeitados medios materiais para traballar, en definitiva, si se conta cunhas condicións de traballo dignas, o nosos maiores contarán cos coidados dignos que precisan.

Que a compañeira Olga teña claro que non vai estar soa, como ninguén que aposte por reivindicar un traballo digno na súa empresa e  defender uns servizos públicos de calidade o debería estar, porque a  ecuación é ben clara: canta mais organización das traballadoras e da sociedade civil  mais dereitos para todas.