
10/03/2025
Solicitamos á Xunta que faga pública a información sobre a solicitude de colleita en verde para a Ribeira Sacra
É a primeira vez que se solicita a axuda de Intervención Sectorial Vitivinícola na comarca e o prazo remata xa o 30 de abril. Para tomar decisións as persoas viticultoras precisan saber o importe que se prevé pagar por hectárea, como vai ser a axuda e como se vai xustificar
O pasado 1 de marzo, a Consellería de Medio Rural tivo que ter enviado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) os importes calculados da axuda da colleita en verde para a Ribeira Sacra, os criterios de selección e as súas puntuacións.
Dado que o fin do período de solicitudes é xa o 30 de abril e que é a primeira vez que esta axuda se solicita na Ribeira Sacra, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas dirixiu hoxe un escrito ao Director Xeral de PAC e Control da Cadea Alimentaria da Xunta de Galicia, Juan José Cerviño, solicitando respostas ás seguintes cuestións para como organización agraria poder informar ás viticultoras e viticultores:
1.- Importe calculado para a compensación dos custes directos da eliminación dos acios de uva.
2.- Importe calculado para a compensación pola perda de ingresos vinculado a esa eliminación dos acios de uva.
3.- Se a Consellería vai establecer superficie mínima e, se é o caso, cal é esa superficie.
4.- Se a Consellería vai establecer superficie máxima e, se é o caso, cal é esa superficie.
5.- Como vai ser a xustificación da man de obra propia da persoa titular da viña que elimine ela mesma os acios de uva.
6.- Campañas de referencia para o rendemento medio das parcelas.
7.- Data aproximada de publicación da convocatoria e prazo para solicitar.
8.- Calquera outra cuestión que considere relevante para as posibles persoas beneficiarias.
Reiteramos ademais á Xunta de Galicia que seguimos insistindo na necesidade de realizar xuntanzas de traballo para garantir o futuro nesta Denominación de Orixe, e que as decisións sexan coñecidas por todas as partes.
Precisamente ante a falla de compromiso por parte da Administración na procura conxunta de solucións para a Ribeira Sacra, o pasado venres celebramos a primeira xornada do ciclo de conferencias “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”, que estamos a desenvolver na comarca en colaboración coa Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de fornecer un espazo onde traballar solucións para esta Denominación de Orixe logo excedentes que marcou a pasada campaña.