pemento_seca120822

12/08/2022

Solicitamos xuntanza ca CMR para instar a activar medidas para paliar a seca e a suba de custos nos sectores vexetais

Denunciamos a neglixencia da Xunta de Galicia ao non planificar prioridades no uso da auga para producir alimentos. Alza de custos e seca dificultan a produción de flor e plantacións de verán, comprometendo tamén os froitos do outono-inverno

O responsábel de Sectores Vexetais no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Santiago Rodríguez Cid, solicitou hoxe unha entrevista co Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para demandar medidas concretas cas que paliar as perdas no sector vexetal galego derivadas da seca e do incremento de custos de produción.

Até o dagora temos un abandono absoluto por parte das administracións públicas, non se están a ter en conta os impactos nos sectores produtivos vexetais, polo que tomamos a determinación de entrevistarnos co Conselleiro para facer fincapé nesta situación e trasladar solicitudes concretas a activar”, explicou Santiago Rodríguez.

Ao igual que noutros sectores, os custos de produción nas fincas labregas para a alimentación humana experimentaron unha desproporcionada suba no relativo aos insumos e materiais precisos para producir, transportar ou repartir as colleitas, xa sexa entregar cestas, ir a mercados, tendas etc.

Canda este ascenso de custos, outro factor importante é a baixa ou a perda de produción, por mor da calor constante e duradeira, constatando nas prospeccións realizadas até o dagora que existen mermas importantes nas colleitas e perda comercial por deformidades ocasionadas por estrés hídrico. Hai perdas xeneralizadas en froitas, malas colleitas e con máis podredume en tubérculos, deterioro visual de tamaño en xudía e moitas das verduras que producimos, perdas importantes no sector da flor, así como na recollida do cereal de inverno -arredor dun 30 %- e no cereal de primavera -máis do 50%-, con pouca granación por pranta e pouco peso de gran ao secar prematuramente polas altas temperaturas.

Así as cousas, as previsións das colleitas de froitos secos para recoller en setembro e outono tamén colenvarán importantes perdas na castaña, na noz... A día de hoxe, por mor da seca plantacións que tiñan que estar feitas para vender no outono-inverno non foron realizadas, e das que aínda estamos en prazo, se non hai unha pluviometría axeitada ás necesidades para que remedie a situación, quedaremos sen produción para outono-inverno.

Nesta situación de auga limitada de forma xeralizada en toda Galiza -salvo pequenas excepcións-, non é comprensíbel que non estean pautadas as preferencias no consumo. Está clara a preferencia para as persoas, pero logo deben estar os animais e as hortas e outras producións alimentarias sensíbeis, dende logo antes que piscinas e xardíns ou similares. Consideramos unha neglixencia da administración non pautar estas prioridades”, apunta o Responsábel de Sectores Vexetais do SLG-CCLL.

Entre as medidas concretas a solicitar, Santiago Rodríguez urxe a activar o investimento en captacións necesarias nos lugares e as pequenas infraestruturas para garantir o consumo mínimo necesario. Asemade cómpre a activación dun pago directo de máis da metade  do salario mínimo interprofesional (SMI) anual para o numero de agricultores/as a título prinipal (ATP) que paguen a Seguridade Social en cada granxa, sumando o importe do custo da seguridade social de 6 meses. Para as titulares (ATP) de pataca e similares que superen determinado numero de hectáreas habería que permitir complementar até acadar as cantidades solicitadas por activo, limitado a catro persoas.

É unha obriga institucional facilitar a investigación nas actuais circunstancias climáticas, para apoiar o saber labrego e agroecolóxico, viabilizar mellor as producións de secano e facer o máis sostíbel posíbel o rego”, lembrou Rodríguez. “Nesta situación hai unha actuación de fondo que é responsabilidade da Administración, non pode seguir mirando para outro lado. A crise climática está adiantando os seus efectos varios anos con respeito o calendario previsto pola Ciencia. É preciso realizar investimentos estruturais de contado para facer máis sostíbeis as producións, dende a silvícola, coas especies non pirofitas máis axeitadas que axudan a conservar auga e humidade, até as agrogandeiras, fuxindo do productivismo e industrialización que nas épocas de seca non hai auga que lles chegue”.