RibeiraSacra

09/05/2024

Urximos a adoptar medidas reais de protección para as persoas viticultoras e o noso modelo de produción

Mesa de traballo, plan de promoción na Galiza e abandonar a autorización de macroplantacións, entre as accións necesarias. Solicitamos confirmar se a CMR porá fondos para a destilación de crise na Ribeira Sacra e a Comisión activará o procedemento

Ante a confirmación da Consellería de Medio Rural da solicitude ao Ministerio de Agricultura da destilación de crise para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) lembramos que levamos anos advertindo de que o rumbo desta DO non era o correcto se o que queremos é un medio rural no que haxa viticultoras e viticultores e adegas con viños de calidade.

O SLG estivo falando con viticultores e viticultoras, co Consello Regulador da DO Ribeira Sacra e temos solicitada entrevista coa nova titular da Consellería do Medio Rural para abordar con urxencia esta cuestión.

A día de hoxe non hai contratos asinados nin compromisos de compra por parte das adegas que máis uvas recollen na Denominación de Orixe. Se non hai recollida de uva este ano, vai ser un gravísimo problema porque as viñas van quedar abandonadas con todo o que iso implica para a economía da zona, e non só para o sector vitivinícola.

Observamos con preocupación que ademais as iniciativas presentadas pola Consellería do Medio Rural -incluída a destilación de crise- non garanten o mantemento na zona de viticultores e viticultoras, as grandes esquecidas neste tipo de medidas, obviando que na Ribeira Sacra non só nos estamos xogando o futuro do sector vitivinícola, senón tamén do noso modelo territorial e de produción de alimentos, dado que toda a promoción da zona faise en base a un cultivo da vide en bancais que desaparecerá se non hai persoas viticultoras que traballen neles.

“A destilación de crise ten que garantir a recollida da uva e o mantemento do prezo: non podemos permitirmos a desaparición de viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra. Non se pode estar constantemente botando a culpa ao Ministerio de Agricultura sobre temas dos que é responsable a Consellería do Medio Rural. Se a valoración que ten a Consellería e o sector é a necesidade dunha destilación de crise, con todo o que iso implica, haberá que poñelo enriba da mesa e facer que sexa posible aquí como o foi noutras zonas vitivinícolas do Estado”, asevera Ana Rodríguez, representante do SLG en Chantada e economista especializada na Política Agraria Común (PAC).

Para isto a Consellería debería confirmar se está disposta a poñer fondos propios para esta medida, tal e como fixeron outras comunidades autónomas o ano pasado para as súas destilacións de crise, así como aclarar se ten a certeza -ou tan sequera consultou co Ministerio- de que a Comisión Europea contempla abrir este ano a destilación de crise tal e como se fixo para a campaña no ano pasado no regulamento delegado (UE) da comisión de 22/06/23.

“O que nos preocupa é que, logo de levarmos tempo advertindo da problemática dos excedentes, agora a Consellaría anuncie esta medida e logo, unha vez iniciada a campaña, se non se adopta, lle bote a culpa ao Ministerio e aí remate a súa intervención, abocando ás viticultoras e viticultores a afrontar unha situación grave, que levaría ao peche de moitas adegas galegas”, expresa Ana Rodríguez.

Dende o Sindicato Labrego Galego instamos á Consellaría a activar medidas que impliquen realmente apostar por unha viticultura de calidade e uns prezos da uva que compensen para seguir producindo.

Entre as actuacións a activar de xeito inmediato urximos a adoptar as seguintes:

-Creación dunha mesa de traballo entre todas as partes implicadas para analizar e poñer en marcha todas as medidas dispoñibles e posibles.

-Un plan de sensibilización e de visibilización dos viños tintos galegos na nosa propia comunidade autónoma.

-Que a Administración galega non permita a instalación de macroplantacións en zonas nas que tradicionalmente non existía viño.

É preciso protexer xa as zonas de viticultura tradicionais e ás nosas viticultoras e viticultores.