
02/07/2009
Valoración da reunión mantida hoxe entre a Secretaría das Mulleres do SLG e a Secretaría Xeral de Igualdade
Na mañá de hoxe, Isabel Vilalba Seivane (Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG e Secretaria de Servizos ao Rural e Soberanía Alimentar) e Ana Eiras Regueira, (coordenadora técnica da Secretaría das Mulleres do SLG) mantiveron unha primeira entrevista con Marta González Vázquez, responsábel da Secretaría Xeral da Igualdade.
Neste encontro, Isabel Vilalba trasladou as principais preocupacións que como organización social agraria, baixo o punto de vista das mulleres, temos. Neste momento segue a ser prioritario acadar a titularidade compartida real nas explotacións agrarias e gandeiras. O Real Decreto aprobado durante o mes de marzo do presente ano só contempla a creación dun rexistro, tal e como se sinala no informe do Consello do Estado, non a equiparación real en dereitos e obrigas de homes e mulleres.
Neste sentido tamén salientamos a importancia do feito de que o Goberno galego siga a manter os incentivos para que as mulleres se anoten coma co-titulares, unha axuda que segundo Marta González será convocada proximamente.
Unha grande preocupación que as representantes da Secretaría das Mulleres do SLG manifestaron neste encontro foi o perigo de que a Seguridade Social bote a mulleres do Sistema Especial de Traballadoras e Traballadores Agrarios (SETA) por non chegaren a uns ingresos determinados, cuestión que afectaría a miles de mulleres en Galiza.
Os servizos de información e asesoramento ás mulleres labregas que esta organización sindical ten en todas as comarcas galegas centraron grande parte da conversa, así coma a necesidade de seguir traballando tanto en temas de asesoramento laboral como en prevención de malos tratos, igualdade, recursos para mulleres no rural, etc.
Marta González valorou como moi importante a interlocución coa Secretaría das Mulleres do SLG, facendo constar o seu interese porque lle fagamos chegar propostas que supoñan unha mellora na calidade de vida das mulleres do rural, ou denuncias ao respeito das súas problemáticas.
Dende o SLG valoramos positivamente este primeiro encontro, agardando que a Secretaría Xeral de Igualdade se faga eco das demandas e propostas que a Secretaría das Mulleres do SLG elabora fronte ás múltiples necesidades que arestora teñen as mulleres que viven no medio rural galego.