Foro Gandaría Extensiva Toledo

20/05/2024

Valoramos as medidas anunciadas polo Ministerio durante o recente Foro de diálogo da Gandaría Extensiva pero demandamos concreción

Isabel Vilalba participou no encontro de interlocución directa co sector convocado polo Ministerio de Agricultura en Toledo. Consideramos preocupante que o sector produtor galego non contase con representación da CMR neste espazo de traballo

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) valora as medidas anunciadas durante esta fin de semana polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao respecto da simplificación administrativa, sanidade animal e rendabilidade pero solicitamos ir máis aló no establecemento de actuacións que demostren un compromiso sólido co sector, máxime cando falamos de potenciar o modelo de produción que máis contribúe a fixar poboación nas zonas de interior e de montaña.

As cuestións que nos están poñendo enriba da mesa, ao igual que algunhas que se foron conseguindo cas mobilizacións do sector nos últimos meses, son moi importantes. Por exemplo que se converta en voluntaria unha medida tan lesiva para o sector como era a do veterinario/a de explotación. Porén, consideramos que o Ministerio debería ir máis aló e eliminar esta proposta do decreto que regula esta figura”, valora a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, que viaxou a Toledo para participar nos espazos de traballo do Foro de diálogo da Gandería Extensiva convocado polo Ministerio.

Así, tamén consideramos positivo que se abra o debate e se asuma a flexibilización en medidas burocráticas e esixencias de cambios de instalacións e outras propostas polo Ministerio, algunhas delas deseñadas de xeito contraproducente para o sector, se ben agardaremos ao seu desenvolvemento para comprobar o grao de concreción destas actuacións.

Na mesma liña estaremos vixiantes no tocante a solvencia do orzamento anunciado para paliar os danos da Enfermidade Hemorráxica Epizootica (EHE), a fin de concretar se é suficiente para facer fronte ás perdas ocasionadas ás granxas, ao tempo que chamamos á cautela con respecto á vacina anunciada para este verano. Trátase dun produto novo que inda debe ser probado, e experiencias actuais con este tipo de medidas, como por exemplo ca vacina da lingua azul, están devolvendo unha significativa incidencia de efectos secundarios negativos no gando, tales como mortes e abortos.

Dende o SLG tamén queremos chamar a atención sobre o feito de que o ministro Planas adicara unha parte importante destas propostas a abordar as problemáticas derivadas do control da tuberculose bovina, que no noso país, como vimos denunciando nestes últimos meses, está levando á matanza de ducias de animais sans cando un positivo é detectado nunha granxa, en claro agravio comparativo con gandarías ubicadas en zonas onde a prevalencia desta enfermidade, malia ser maior, é xestionada sacrificando unicamente os animais enfermos e realizando controis posteriores.

Valoramos positivamente que nunha cuestión tan importante para nós como é a matanza de animais sans o propio Ministerio confirme que si que hai un marco que permite utilizar moitas máis probas diagnósticas e desenvolver un abano de medidas que eviten matar animais sans e seguir controlando a enfermidade. Cremos que estase vendo que é unha cuestión que é preciso ser revisada no marco dun mellor control da enfermidade, afirma Isabel Vilalba.

Non obstante, seguen faltando medidas que permitan ao sector convivir cas consecuencias do quecemento global, tanto en materia de sanidade, como no relativo á aparición de novas enfermidades no gando, como de pragas e afeccións á calidade e cantidade dos forraxes adicados á alimentación animal.

Por outra banda, no que abrangue ás medidas orientadas á rendabilidade das granxas, unha vez máis consideramos que estase a eludir abordar a cuestión principal: os prezos. Cómpre un maior desenvolvemento de propostas para garantir prezos que cubran custos de produción de remuneren o noso traballo, así como actuacións concretas para que se cumpra a Lei da Cadea.

En esencia observamos tamén que segue habendo unha inclinación forte polos mercados exteriores, onde agás unha reducida porcentaxe dirixida ao mercado gourmet, as nosas producións son absorbidas por mercados globais onde prima a máxima dos baixos prezos.

Moitas veces tempos produtos de alta calidade e nin sequera se están valorando no mercado como tales. Estase facendo unha política moi á medida de grandes corporacións, pensando en baixar os prezos, non en mellorar a calidade de vida das persoas produtoras. Botamos moi en falla entre as medidas anunciadas unha aposta decidida polo apoio ás producións en ecolóxico e, en xeral para todas as producións, liñas de traballo específicas en materia de comercialización directa, valor engadido, compra pública e outro tipo de medias que poderían significar unha mellora máis concreta nos prezos”, explica a Secretaria Xeral do SLG.

Segundo o propio ministro Planas, o traballo realizado durante esta fin de semana no Foro de Gandaría Extensiva realizado en Toledo “marca un antes e un despois no diálogo e colaboración con comunidades autónomas, organizacións profesionais agrarias e entidades do sector gandeiro”, sen embargo a Consellaría do Medio Rural non participou neste espazo, como si o fixeron outras comunidades autónomas.

Nestes foros estanse traballando cuestións cruciais para o sector e botamos en falta que non haxa representación da Consellaría do Medio Rural. Sácanse medidas moi importantes para o sector galego pero non sabemos como se van aplicar na Galiza porque a CMR nin sequera estaba presente. Comeza a preocuparnos que logo de varias semanas dende o seu nomeamento non puideramos inda comunicarnos ca nova conselleira, que nin estaba presente no Foro de Toledo nin respostou a nosa solicitude de entrevista”, advirte Vilalba.