ISA

04/03/2010

VII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

Isabel Vilalba, Responsábel da Secretaría das Mulleres, deu conta hoxe en rolda de prensa das actividades e accións reivindicativas que terán lugar do 5 ao 7 de marzo no marco do VII Encotro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego coincidindo co centenario da celebración do 8 de marzo (Día das Mulleres), que desta vez xuntará en Ribadeo preto de 200 labregas chegadas de toda Galiza e pentencentes a distintos sectores produtivos.

 ISAsecretaria das mulleres

Isabel Vilalba, Responsábel da Secretaría das Mulleres.

Coas cuestións vinculadas á saúde das labregas no seu eido laboral e á necesidade de preservar e incrementar os servizos públicos coma eixos principais, o encontro encetarase mañán cun videoforum introducido por Charo Sánchez Parga (Secretaria de Medioambiente do SLG) centrado nos efectos que os fitosanitarios -de uso cada vez maior no agro por mor das dinámicas produtivas industriais que se están a instaurar con apoio dos gobernos: transxénicos, etc.- están a provocar na saúde das mulleres produtoras de alimentos.

Na actualidade, as medidas de precaución e os estudos das consecuencias destes fitosanitarios en absoluto prestan atención ás caracterísiticas hormonais das mulleres, sendo desgrazadamente habitual xa mesmo o nacemento de nenos e nenas con malformacións entre a poboación campesiña.

A este respeito, trataremos no encontro un documental fancés de recente realización titulado “Os nosos fillos acusarannos”*, denunciando os efectos dos pesticidas/fitosanitarios na poboación labrega e, por outra banda, advertindo de que esas sustancias fican presentes logo nos alimentos, o que canda outras carácterísiticas asociadas ás actuais dinámicas de vida (estres, exposición a radiacións, etc) ten como consecuencia o nacemento da primeira xeración que vai vivir menos que os seus proxenitores (aumento dos cancros infantís, sensibilidade aos químicos, aumento de alerxias, etc.).

O sábado 6 a concelleira de Muller e Cultura de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, unirase ao Encontro ás 10.00hrs, cando terá lugar un debate centrado na reforma das pensións e a actualidade da Seguridade Social, que rematará ás 12:00hrs. cun acto reivindicativo diante da delegación da Seguridade Social de Ribadeo .

 Asemade, na tarde do sábado realizarase visitas a unha explotación de horta e a un obradoiro de elaboración de marmeladas e zumes.

Pra rematar o encontro, na mañá do domingo terá lugar unha mesa redonda na que participarán representantes das Plataformas en Defensa da Sanidade Pública e en Defensa de Servizos Sociais Públicos, canda unha análise da actual situación dos servizos públicos ás explotacións agrarias (deseño dos servizos de aconsellamento de caracter privado, recortes de persoal en empresas como SEAGA, cambios nos teléfonos de atención ás explotacións, etc.).

*Arquivo para descarregar: Entrevista a Isabel Vilalba no xornal sindical FOUCE, dando conta do Encontro Anual das Mulleres 2009, realizado en Pontedeume.

VII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego